A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático acompaña hoxe a varios membros do equipo durante unha xornada de traballo completa
A Xunta pon en valor o traballo da nova Unidade de investigación de conservación da natureza, que coloca a Galicia á vangarda en protección ambiental
Destaca o nivel de especialización desta brigada, integrada actualmente por oito axentes con formación específica en criminalística ambiental, manexo e captura de fauna silvestre e aplicación de novas tecnoloxías de vixilancia, entre outras cuestións
Sinala a importancia de dar a coñecer o labor que realiza a UICON con tres exemplos prácticos: unha acción de control de xabarís, un voo con dron para prever posibles infraccións nun espazo protexido e unha práctica do protocolo por uso de veleno
O equipo leva case sete meses operando como unidade móbil de investigación e resposta rápida ante situacións que, pola complexidade ou carga de traballo, requiren unha dedicación especial, coñecementos específicos e habilidades particulares
Ribeira (A Coruña), 8 de setembro de 2026
A Xunta de Galicia pon en valor o traballo que está a desenvolver a Unidade de investigación de conservación da natureza (UICON), unha nova brigada móbil de intervención inmediata que empezou a operar en febreiro de 2026, situando deste xeito á Comunidade á vangarda do país en materia de protección do patrimonio natural ao ser das primeiras en dotarse dun equipo destas características.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, acompañou hoxe a varios membros desta unidade durante unha xornada organizada, precisamente, para dar a coñecer e divulgar entre a ciudadanía o labor que veñen realizando no conxunto do territorio desde a súa posta en marcha.
Tras destacar o alto nivel de especialización da UICON, integrada actualmente por oito axentes medioambientais con formación específica en criminalística ambiental, manexo e captura de fauna silvestre ou aplicación de novas tecnoloxías de vixilancia no medio natural, lembrou que a creación deste equipo foi posible grazas ao acordo acadado entre o seu departamento e as organizacións sindicais para a formación da primeira unidade en Galicia capaz de ofrecer unha resposta rápida, especializada e coordinada a nivel autonómico para garantir a protección do patrimonio natural.
O equipo leva xa case sete meses operando como unidade móbil de investigación e resposta rápida ante situacións que, pola súa propia complexidade ou pola carga de traballo que acumulan determinadas áreas, requiren unha dedicación especial, coñecementos específicos e habilidades e competencias particulares á hora de encaralas.
Neste sentido, Ángeles Vázquez explicou que a xornada de traballo programada para hoxe coa UICON está organizada arredor de tres intervencións tipo relacionadas con algunhas das súas principais áreas de actuación co obxectivo de achegar á cidadanía o importante labor que realiza esta unidade de elite no conxunto do territorio.
En concreto, a conselleira asistiu este mediodía en Ribeira a unha demostración teórica do procedemento de extracción de exemplares de xabaril mediante trampeo, no marco das actuacións realizadas para o control e xestión da fauna silvestre. Acompañada pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, a conselleira comprobou primeiro o funcionamento das cámaras de fototrampeo e desprazouse a continuación cos axentes ao lugar no que estaba localizada a trampa, onde os membros da UICON lle explicaron o procedemento de captura e extracción.
A continuación, estaba previsto que participaran nunha práctica de vixilancia preventiva con dron sobre as dunas de Corrubedo, pero as circunstancias meteorolóxicas impediron finalmente que o aparato puidera voar.
O obxectivo desta actividade era amosar como a UICON combina o uso de medios tecnolóxicos aéreos coa comunicación e localización dos axentes en tempo real, unha forma de traballar especialmente efectiva á hora de vixiar e protexer zonas de especial interese ambiental. De feito, o Plan operativo anual da brigada contempla os espazos naturais protexidos, como o Parque Natural complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, como zonas prioritarias á hora de empregar a tecnoloxía de vixilancia dispoñible en labores de prevención e detección de posibles infraccións ambientais.
Uso ilegal de velenos e cadea de custodia
Por outra banda, para esta tarde está prevista tamén unha terceira intervención por parte da UICON, en Catoira. Neste caso, a demostración programada permitirá visualizar a aplicación práctica do protocolo de veleno, unha das áreas de intervención máis especializadas do equipo e na que resulta fundamental a cadea de custodia para garantir a correcta toma de mostras e o seu traslado posterior ao laboratorio para analizalas.
Este tipo de intervención forma parte das funcións que ten atribuídas este equipo en materia de investigación do uso ilegal de velenos no medio natural. Así, pode actuar ante a detección de cebos presuntamente envelenados ou casos graves de mortaldade de fauna, ocupándose de inicio a fin de todo o procedemento, desde as comprobacións iniciais, toma de mostras e outras actuacións necesarias para determinar as causas, ata finalmente identificar a autoría.