Belén do Campo acompaña ao Centro Asturiano da Coruña na celebración relixiosa con motivo da festividade da Virxe de Covadonga, patroa do Principado de Asturias
A delegada da Xunta destacou a importancia de que entidades como o Centro Asturiano continúen promovendo actividades que favorecen o encontro, a convivencia e a conservación das tradicións, ao tempo que reforzan os lazos históricos e culturais entre Asturias e Galicia
A Coruña, 8 de setembro de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, participou hoxe na celebración relixiosa organizada polo Centro Asturiano da Coruña con motivo da festividade da Virxe de Covadonga, patroa do Principado de Asturias, que tivo lugar na igrexa de San Jorge na Coruña.
Durante o acto, a delegada quixo acompañar os membros do Centro Asturiano e trasladarlles o seu recoñecemento polo labor que desenvolven ao longo do ano para manter vivas as tradicións. A celebración contou coa participación da Polifónica Eco, que puxo a súa música ao servizo desta conmemoración.
A delegada destacou a importancia de que entidades como o Centro Asturiano continúen promovendo actividades que favorecen o encontro, a convivencia e a conservación das tradicións, ao tempo que reforzan os lazos históricos e culturais entre Asturias e Galicia.
A celebración relixiosa forma parte do programa das Festas Patronais da Virxe de Covadonga 2026, que se están a desenvolver na cidade da Coruña. O programa comezou o pasado venres, 4 de setembro, coa lectura do pregón e prolongarase ata o sábado 17 de outubro, xornada na que se celebrará o acto de imposición de distincións e o tradicional Día do Desarme, entre outras actividades.
Ao remate da celebración relixiosa, os asistentes desprazáronse en comitiva ata o local social do Centro Asturiano, onde tivo lugar un encontro no que participaron os socios, invitados e as autoridades presentes.