A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, M. Allegue, interveu hoxe no Parlamento

A Xunta reclama ao Estado garantías “por escrito” para evitar a Galicia pagar unha factura millonaria pola transferencia da AP-9

Allegue esixe que o texto garanta expresamente que o Estado asumirá as consecuencias económicas dunha eventual nulidade das prórrogas, os investimentos na AP-9 e as futuras bonificacións

Incide en que Galicia quere a transferencia da AP-9, pero cun traspaso pleno, correctamente financiado e con seguridade xurídica e financeira

Allegue advirte de que sería “profundamente irresponsable” que Galicia asumise miles de millóns derivados de decisións que non tomou

A Xunta solicitou a convocatoria da Comisión Bilateral Estado-Galicia para resolver as discrepancias antes de culminar o proceso de transferencia

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2026.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, reclamou hoxe ao Estado que as garantías económicas e xurídicas vinculadas á transferencia da AP-9 queden expresamente recollidas por escrito, co obxectivo de evitar que Galicia teña que pagar una factura millonaria e asumir no futuro custos derivados de decisións adoptadas polo Estado antes do traspaso.

Durante a súa intervención no Pazo do Hórreo, a conselleira reivindicou que se recuperen na Lei Orgánica aprobada en Madrid as garantías que figuraban no acordo aprobado por unanimidade polo Parlamento galego. Neste sentido, incidiu en que, se o Estado vai asumir as obrigas e consecuencias económicas vinculadas á autoestrada, “poñámolo por escrito, que quede constancia”, subliñou.

A este respecto, M. Allegue sinalou que deben quedar por escrito, entre outras cuestións, que Galicia non asumirá as consecuencias económicas dunha eventual nulidade das prórrogas da concesión, que o Estado fará fronte ás actuacións e investimentos necesarios na AP-9 e que estarán garantidos os recursos necesarios para ampliar as bonificacións.

A conselleira advertiu de que estes son riscos que a Xunta considera reais e que deben quedar resoltos antes de culminar o proceso de transferencia.  Ante esta situación, a Xunta solicitou formalmente a convocatoria da Comisión Bilateral de Cooperación entre o Estado e Galicia co obxectivo de resolver as discrepancias existentes e garantir que o futuro traspaso conte coa máxima seguridade xurídica e financeira.

Allegue concretou como, a través desta vía, a Xunta pretende que o traspaso non sexa un lastre para Galicia, garantir a seguridade xurídica que presupón unha Lei Orgánica, e blindar a norma fronte a ambigüidades existentes no texto aprobado no Congreso, para que a futura Comisión Mixta de Transferencias poida desenvolver os seus traballos sobre un marco certo e seguro.

Advertiu de que sería “profundamente irresponsable aceptar hoxe unha transferencia e descubrir mañá que Galicia ten que asumir miles de millóns de euros derivados de decisións que non tomou”..

Lembrou que a Xunta leva máis dunha década reclamando formalmente esta transferencia, a través de sucesivas iniciativas impulsadas desde o Parlamento de Galicia.

Allegue reivindicou que Galicia quere a transferencia da AP-9 e rexeitou que se poña en cuestión esta vontade. Neste sentido, subliñou que Galicia quere unha AP-9 galega, pero non unha factura que non corresponde aos galegos e que, segundo advertiu, se pretende que asuma Galicia.

Finalmente, a conselleira, reclamou ás forzas políticas do Parlamento que rectifiquen e que as garantías queden expresamente recollidas por escrito.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/09/2026