O titular do Goberno autonómico visitou o IES Eusebio da Guarda da Coruña con motivo do inicio do curso escolar

Rueda destaca que o novo curso escolar comeza con récord de docentes e reafirma o compromiso da Xunta para seguir mellorando o sistema

Salienta que o sistema contará con máis profesores que nunca, pese que hai 22.500 alumnos menos que hai 10 anos

Ante os últimos datos do informe PISA, apela a un esforzo de colectivo para recuperar niveis e “valorar tamén a cultura do esforzo: quen estuda, quen traballa, ten que ter un resultado”

Anuncia que o próximo ano se licitará a segunda fase da rehabilitación integral do centro coruñés, cun investimento de 2,5 millóns de euros

A Coruña, 9 de setembro de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que o novo curso escolar comeza en Galicia con cifra récord de docentes. “Cando queremos un sistema excelente, hai que intentar facer cousas excelentes para conseguilo”, asegurou, ao tempo que quixo recoñecer neste primeiro día o traballo dos profesionais que formará aos estudantes para que “sexan a Galicia Calidade do futuro que merecemos e precisamos”.

Así o sinalou hoxe durante a súa visita ao IES Eusebio da Guarda, na Coruña, na que estivo acompañado polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, e onde tamén puxo en valor que a comunidade conta cunha das mellores ratios de España de alumnado por profesor, e tamén de alumnado por aula, e sendo líder en equidade e igualdade de oportunidades.

Con todo, e en referencia ao último informe PISA, Rueda asegurou que a Xunta seguirá “facendo todo o posible por mellorar”. “Acabamos de coñecer os resultados do informe PISA e, loxicamente, non podemos estar satisfeitos”, indicou, ao mesmo tempo que destacou que Galicia, “fronte a unha baixada xeneralizada, mantén os niveis moi aceptables na maioría das disciplinas que se miden, pero, evidentemente, iso non é dabondo”.

Así, apelou ao esforzo colectivo para recuperar niveis. “Por suposto, a Administración, por suposto, os docentes, e por suposto tamén as familias. Isto ten que ser un traballo en equipo no que nos xogamos o futuro do país. Temos que facer unha reflexión rápida, actuar canto antes e valorar tamén a cultura do esforzo: quen estuda, quen traballa, ten que ter un resultado”, indicou.

Mellores ratios e atención á diversidade

Rueda puxo en valor que, a pesar da baixada de alumnos -o curso comeza con 298.436, o que supón 22.500 menos dos que había nas aulas hai 10 anos-, o sistema contará con máis docentes que nunca, un incremento que se debe, entre outras razóns, á redución horario docente en Secundaria e á incorporación de especialistas en atención á diversidade, dúas medidas do Acordo de mellora educativa asinado cos sindicatos.

O titular do Executivo autonómico tamén destacou outros aspectos nos que Galicia lidera como a ratio de alumnos por profesor, que na comunidade é de 9,7 fronte aos 11,1 do Estado; ou no ensino de linguas, aspecto no que se sitúa como a comunidade con maior nivel de inglés de España. Precisamente, sobre este último punto engadiu que, co obxectivo de manter esta posición, a Xunta porá en marcha “no segundo trimestre un programa propio de auxiliares de conversa” ante as inseguridades e falta de solucións do Goberno central nesta materia.

Neste sentido, lembrou que case o 95% de alumnado galego con necesidades especiais está integrado en centros ordinarios, destacando “o esforzo que se fai: 5.000 docentes dedicados á atención á diversidade, que é máis do dobre do que había hai só 15 anos”. Precisamente, Galicia volve liderar en equidade no último informe PISA.

Referiuse tamén á Formación Profesional, que vive o maior despregue da súa historia. “Seguiremos potenciando a FP para darlle un horizonte de vida a moita xente, e tamén para ir cubrindo as necesidades do mercado laboral en industrias que ás veces son moi punteiras e que precisan esa man de obra especializada”, salientou.

2,5 millóns de euros para reformar o IES Eusebio da Guarda

Por último, tamén apelou á necesidade de que o sistema conte coas infraestruturas axeitadas. Neste sentido, lembrou o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que leva investidos case 370 millóns de euros desde 2021 na construción de novos centros nos lugares onde é preciso, así como na reforma das instalacións que o necesitan.

De feito, aproveitou a súa visita para anunciar que o próximo ano a Xunta prevé licitar a segunda fase de rehabilitación integral do IES Eusebio da Guarda, cun importe de 2,5 millóns de euros. “É algo que o merece a xente que traballa aquí todos os días, meréceno os alumnos e as alumnas, meréceo a educación en Galicia”, asegurou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/09/2026