Arranca o proceso para avaliar a acreditación de especialización do Campus Auga
O secretario xeral de Universidades destaca o apoio da Xunta ao campus ourensán, cun investimento de 11,8 M€ desde 2013
A avaliación desenvólvea un comité externo, que poderá facer propostas para reforzar as accións do campus para o período 2027-2030
Ourense, 10 de setembro de 2026
O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, e a reitora da Universidade de Vigo, Carmen García Mateo, presentaron esta mañá o proceso de avaliación da acreditación da especialización do Campus Auga, que se desenvolverá nas xornadas de hoxe e mañá no Campus de Ourense. O obxectivo é facer balance do traballo realizado pola Universidade de Vigo ao abeiro deste proxecto durante a súa acreditación no período 2024-2026 e conseguir revalidala para 2027-2030.
Nestas dúas xornadas presentarase ao comité avaliador os resultados desta etapa como campus de especialización do Sistema Universitario de Galicia. “Esta iniciativa supón unha gran oportunidade para a provincia de Ourense, para a Universidade de Vigo e para toda Galicia. Desde o Goberno galego estamos a prestar o apoio necesario para consolidar este proxecto como un referente científico no sector termal”, expresou o secretario xeral de Universidades.
O investimento da Xunta de Galicia no Campus Auga, no marco do Programa de Campus de Especialización do Sistema Universitario de Galicia, ascende a 11,8 M€ desde o ano 2013. No periodo 2013-2023 a achega foi de 8,5 M€ para as bases do proxecto de especialización. Trala consecución da acreditación en 2024, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP asinou un convenio de colaboración coa Universidade de Vigo, dotado con 3,2 M€, para o desenvolvemento de accións estratéxicas do Campus Auga.
Con este financiamento, o campus avanzou nas súas tres liñas de especialización (alimentación funcional, agricultura e medio ambiente e xestión da auga termal), con tres áreas de soporte (intelixencia artificial, lexislación agroalimentaria e ambiental e economía circular), dando pasos en accións de gobernanza, docencia, investigación, transferencia e información pública.
No ámbito da docencia, o Campus Auga consolida a posta en marcha de novas titulacións vinculadas ás súas áreas de especialización, a formación docente e as taxas de empregabilidade. En investigación centrouse en aliñarse coas prioridades europeas, nacionais e coa RIS3, a estratexia de especialización intelixente de Galicia. O Campus Auga reforzou a súa capacidade investigadora entre 2024 e 2025, con 44 proxectos competitivos novos, ademais de publicacións e comunicacións en congresos. En canto a financiamento, captou 6,8 M€ en proxectos competitivos desde 2024, cifra que reflicte a capacidade do campus para obter recursos en convocatorias competitivas en investigación. Nesta etapa tamén se avanzou na captación de talento investigador: 20 investigadores predoutorais e 15 postdoutorais, ademais dunha investigadora Ramón y Cajal, reforzando a capacidade do campus para atraer perfís científicos de alta cualificación. Con respecto á transferencia de coñecemento cara o tecido produtivo: en 2025 rexistráronse 27 contratos de I+D fronte aos cinco que había en 2023, entre outras accións.
Balance da actividade
O proceso realízase a través dun Comité de avaliación externo e consiste nun exame documental da traxectoria e do traballo realizado desde 2024 do Plan estratéxico para o próximo cuatrienio. Ademais, os membros do panel avaliador manteñen entrevistas con distintos grupos de interese como grupos de investigación, empresas, investigadores mozos e alumnos, entre outros.
Neste marco, inclúense visitas ás instalacións do Campus Auga. Primeiro percorrerán a planta piloto, co grupo de investigación Ingeniería Química 4 e a Unidade Mixta de Investigación UVigo, Coren e Sertogal, unha das iniciativas de alto impacto do Campus Auga. Posteriormente coñecerán o Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico á Investigación (CACTI). En base á decisión do comité avaliador poderá renovarse a acreditación incluíndo, de ser o caso, recomendacións de actuación que deban abordarse no seguinte periodo.