O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria visitou os membros da entidade
A Xunta pon en valor o traballo da asociación El Enjambre na promoción dun envellecemento activo e saudable no sur de Lugo
Antón Acevedo animou aos membros da entidade a beneficiarse das iniciativas do Goberno galego para a poboación sénior como o programa Benestar en Balnearios, Xuntos polo Nadal ou o Carné +65
Chantada (Lugo), 9 de setembro de 2026
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, visitou esta tarde os membros da asociación de pensionistas El Enjambre de Chantada. No encontro, puxo en valor o traballo desta entidade como referente na promoción do envellecemento activo e saudable na comarca.
Na visita, destacou as múltiples actividades e encontros que organiza a entidade para fomentar a socialización e a participación activa dos maiores da contorna, algo que é esencial – dixo- para previr as situacións de soidade non desexada. Do mesmo xeito, explicou que o labor de asociacións coma esta de Chantada é esencial para construír unha sociedade máis xusta e integradora coas persoas da terceira idade, axudando a combater prexuízos e estigmas relacionados co idadismo.
Antón Acevedo tamén lembrou que o benestar dos maiores é unha das máximas prioridades do Goberno galego, polo que cada ano se impulsan novas iniciativas pensadas para garantir a súa atención e fomentar o seu envellecemento saudable. Neste sentido, animou os membros da asociación a participar nas iniciativas da Xunta destinadas á poboación sénior. Deste xeito, recordou algunhas das actividades de envellecemento activo como o programa Benestar en Balnearios ou Xuntos polo Nadal.
Ademais, o director xeral aproveitou a ocasión, para recordar que todos os maiores de Galicia teñen á súa disposición o Carné +65, unha tarxeta gratuíta que a Xunta envía aos domicilios e coa que poden acceder a diferentes vantaxes e beneficios. Así, explicou que poden contar con descontos ou obsequios en establecementos galegos de benestar, saúde, ocio, gastronomía ou turismo.