Martina Aneiros anima aos maiores de Ferrolterra a sumarse á campaña de vacinación fronte á gripe

A delegada da Xunta en Ferrol, xunto á xerente da Área Sanitaria, Fernanda López Crecente, e o director asistencial, José Lorenzo Muñoz, visitaron esta mañá a residencia de maiores de Caranza para comprobar o desenvolvemento da xornada de vacinación

Sinalou que as dúas grandes novidades desta campaña son a vacinación antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do alcance dos programa piloto nos colexios, pasando de dous a catro na área de Ferrol

Ferrol, 1 de outubro de 2026

A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, xunto á xerente da Área Sanitaria, Fernanda López Crecente, e o director asistencial, José Lorenzo Muñoz Iglesias, visitaron esta mañá a residencia de maiores de Caranza onde esta semana deu comezo a vacinación fronte á gripe e á covid da temporada 2026-2027.

Aneiros explicou que no caso da inmunización de gripe e covid, recomendada para maiores de 70 anos, a poboación diana na Área Sanitaria de Ferrol é de 41.032 persoas, mentres que hai 68.978 persoas maiores de 60 anos para as que está indicada a vacinación fronte á gripe. Lembrou ademais que unha das novidades deste ano é a ampliación da vacinación antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos.

Durante a visita na que tamén estivo presente a directora da residencia, Angélica Sánchez, a delegada da Xunta incidiu na importancia de comezar a campaña en centros residenciais -residencias de maiores e centros de discapacidade- como o de Caranza, “por ser onde se concentra unha poboación especialmente vulnerable ante as infeccións respiratorias e as súas posibles complicacións”.

O próximo fito será o 13 de outubro cando arrinque a vacinación infantil tanto nos centros de saúde como nos colexios participantes no programa piloto de vacinación intranasal que este ano amplía o seu alcance na Área Sanitaria de Ferrol de 2 a 4 centros ­­-o CEIP Cruceiro de Canido, o CEIP Plurilingüe de Ponzos, o CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira e o CPR Plurilingüe Sagrado Corazón-. En toda Galicia serán 75 os colexios nos que se leve a cabo esta iniciativa co obxectivo de chegar a 26.536 rapaces.

Aneiros referiu que a campaña prolongarase ata o 31 de decembro, desenvolvéndose de xeito progresivo nos distintos colectivos e grupos de idade. Así partir do 19 de outubro, a vacinación estenderase ás persoas de 70 ou máis anos e, posteriormente, o 2 de novembro ás embarazadas.

Lembrou que os obxectivos da campaña son, por un lado, acadar unha cobertura de polo menos o 60% na poboación infantil, nas embarazadas e nos traballadores sanitarios e, por outro, conseguir como mínimo o 75% de vacinación fronte á gripe nas persoas maiores de 60 ou máis anos, polo que animou á cidadanía a sumarse.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/10/2026