Belén do Campo destaca a unión da Xunta e Eroski para fomentar unha alimentación equilibrada e estilos de vida saudables
A delegada da Xunta destacou a importancia de educar desde a infancia nestes hábitos durante a inauguración da VI Xornada de Alimentación Saudable de Vegalsa-Eroski, que nesta edición se celebra baixo o lema “Bos hábitos, boa vida. Xacobeo 2027”
A Coruña, 2 de outubro de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto á directora territorial da Consellería de Sanidade, Cristina Pérez, participou na inauguración da na VI Xornada de Alimentación Saudable de Vegalsa-Eroski, que nesta edición se celebra baixo o lema “Bos hábitos, boa vida. Xacobeo 2027”. Durante a súa intervención, puxo hoxe en valor a importancia da prevención, da educación alimentaria e da promoción da actividade física desde as idades máis temperás como ferramentas fundamentais para mellorar a saúde e a calidade de vida da cidadanía.
A representante autonómica agradeceu a Vegalsa-Eroski a organización desta iniciativa, que se consolida como un punto de encontro para compartir coñecementos e experiencias arredor da alimentación, a actividade física e o benestar. Do Campo destacou especialmente o labor desenvolvido polo director xeral de Vegalsa-Eroski, José Manuel Ferreño, e por todo o equipo que fai posible a xornada, así como a participación de profesionais, estudantes, futuros profesionais da nutrición e da dietética e representantes de asociacións.
Durante a súa intervención, a delegada subliñou que os hábitos saudables non se constrúen dun día para outro, senón que se aprenden, se transmiten e se incorporan desde a infancia. Neste senso, apuntou que “falar de alimentación saudable e falar de prevención, de educación e de calidade de vida”.
Do Campo salientou que a educación alimentaria debe estar presente non só nos fogares ou nas consultas dos profesionais, senón tamén nas aulas, nos espazos de convivencia e nos lugares nos que os nenos e nenas se relacionan diariamente cos alimentos.
Neste ámbito, destacou o compromiso da Xunta de Galicia a través do Plan Obesidade Zero 2022-2030, unha estratexia transversal na que participan diferentes departamentos da Administración autonómica e que aposta por promover unha alimentación saudable e sostible, fomentar a actividade física e reducir o sedentarismo, crear contornos máis saudables e reforzar a sensibilización e o traballo en rede.
A estratexia presta especial atención á infancia e á adolescencia, aínda que abrangue todas as etapas da vida, e contempla medidas relacionadas coa mellora da oferta alimentaria nos comedores escolares e colectivos, a promoción da actividade física nos centros educativos e no ámbito laboral, a actuación desde Atención Primaria, a creación de redes locais de promoción da saúde e a formación de profesionais e cidadanía.
No ámbito sanitario – educativo e deportivo, lembrou tamén o desenvolvemento de programas da Xunta como Nutriescolas, Aliméntate Ben, Xogade, Adestra a túa Saúde e a Rede de Escolas Promotoras de Saúde, iniciativas orientadas a fomentar hábitos saudables desde as primeiras etapas da vida.
En particular, destacou o programa Aliméntate Ben, a través do cal a Xunta promove o consumo de froitas, hortalizas e leite nos centros escolares mediante. O obxectivo é favorecer que o alumnado incorpore estes alimentos á súa dieta habitual e adquira desde idades temperás hábitos propios dunha alimentación equilibrada.
Tamén puxo en valor Xogade, os Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar, que este curso 2026-2027 alcanza a súa décimo oitava edición para fomentar a práctica deportiva e os hábitos de vida activos entre a poboación escolar. A pasada edición rexistrou 242.009 participacións entre as actividades deportivas escolares e federadas. Ademais, o programa mantén o seguro deportivo gratuíto para escolares de 6 a 16 anos, facilitando o acceso á práctica deportiva con independencia do lugar de residencia ou das circunstancias económicas das familias cun investimento de 4M€.
A delegada tamén destacou a importancia de promover unha alimentación saudable a través dos produtos de proximidade e de calidade, poñendo en valor a calidade e diversidade do sector agroalimentario e pesqueiro galego. Neste sentido, lembrou o traballo da Xunta para promocionar as Denominacións de Orixe, as Indicacións Xeográficas Protexidas, a Agricultura e Gandaría Ecolóxicas e a Artesanía Alimentaria.
Neste ámbito, salientou a importancia da colaboración coa distribución e puxo como exemplo a cooperación entre a Xunta e Vegalsa-Eroski. Así, lembrou que en 2026 ambas as entidades volveron colaborar na promoción dos produtos agroalimentarios galegos a través da campaña “Produtos do Ano de Galicia”, destinada a dar visibilidade a empresas e produtos de calidade.
Do Campo referiuse igualmente ao programa educativo Movemento Azul, impulsado pola Consellería do Mar para fomentar o coñecemento, a formación e a participación da mocidade galega no ámbito da actividade marítimo-pesqueira. A iniciativa, dirixida a persoas de ata os 35 anos, pretende fortalecer o vínculo das novas xeracións co mar e dar a coñecer as oportunidades de futuro que ofrece este sector. Ademais, ten como obxectivo coñecer a importancia do papel dos pescadores, mariscadores, armadores e persoas que manexan as artes de pesca. A representante autonómica explicou que o programa busca “promover unha alimentación saudable tamén, o noso territorio, os nosos produtores, o noso mar e a nosa cultura gastronómica”.
A delegada da Xunta destacou a importancia da alimentación e da actividade física un tema tamén tratado nesta xornada. Nesta liña, sinalou que esta mensaxe resume o espírito da xornada: incorporar pequenas decisións cotiás que contribúan ao benestar, como apostar polos produtos frescos e de proximidade, practicar actividade física, reducir o sedentarismo, coñecer mellor o que consumimos e educar as novas xeracións para que os hábitos saudables formen parte da súa vida de maneira natural.
Neste sentido, destacou que avanzar cara a unha sociedade máis saudable require da implicación conxunta das administracións, empresas, centros educativos, profesionais da saúde, familias e do conxunto da sociedade.
Finalmente, Belén do Campo felicitou a Vegalsa-Eroski por manter durante seis edicións o seu compromiso coa educación alimentaria e por crear un espazo de coñecemento e reflexión, e agradeceu a participación dos relatores e dos asistentes. “Os bos hábitos son un investimento no noso presente, pero tamén no noso futuro”, concluíu.