O director xeral de Integración e Innovación Asistencial do Servizo Galego de Saúde interveu no acto de inauguración do ‘IV Congreso Nacional de Fisioterapia en Xestión’

A Xunta destaca o papel fundamental dos fisioterapeutas na prevención e na recuperación da autonomía e a calidade de vida dos pacientes

Alfredo Silva remarca que Consellería de Sanidade está a impulsar un novo modelo de rehabilitación funcional, máis próximo e adaptado ás necesidades clínicas e sociais de cada paciente

Pon en valor que a Estratexia Galega de Enfermidades Raras 2025-2030 integra a rehabilitación funcional como unha parte normalizada da atención, mediante equipos multidisciplinares, nos que os fisioterapeutas teñen un papel relevante

Lembra que Galicia conta con 79 unidades de referencia en atención primaria

Vigo, 2 de setembro de 2026

O director xeral de Integración e Innovación Asistencial do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva, salientou hoxe o papel fundamental dos fisioterapeutas na prevención, na promoción da saúde, na abordaxe da cronicidade e na recuperación da autonomía e a calidade de vida dos pacientes.

Durante a súa intervención no acto de inauguración do IV Congreso Nacional de Fisioterapia en Xestión, o responsable sanitario destacou que Galicia ten 79 unidades de fisioterapia en atención primaria, con presencia de referencia para todos os concellos.

Así mesmo, apuntou que o Servizo Galego de Saúde conta con máis de 560 especialistas desta disciplina, tanto na atención primaria como no ámbito hospitalario.

Ademais, Galicia dispón dunha carteira de servizos de fisioterapia de atención primaria  que ordena e amplía o papel destes profesionais en ámbitos como a atención comunitaria, ambulatoria, domiciliaria, a formación, a investigación ou a propia xestión.

Rehabilitación adaptada ás necesidades dos pacientes

Tal e como sinalou o director xeral, a Consellería de Sanidade está a impulsar un novo modelo de rehabilitación funcional, máis próximo e adaptado ás necesidades clínicas e sociais de cada paciente, incorporando novas tecnoloxías aos servizos de rehabilitación.

Un exemplo disto é a Estratexia Galega de Enfermidades Raras 2025-2030, na que a rehabilitación funcional se integra como unha parte normalizada da atención ás persoas con enfermidades raras, mediante equipos multidisciplinares nos que os fisioterapeutas teñen un papel relevante, xunto con outros profesionais como rehabilitadores, terapeutas ocupacionais ou logopedistas, posto que, en moitas destas patoloxías, manter a mobilidade e a autonomía é fundamental na calidade de vida dos doentes.

A Xunta reafirma así o seu compromiso para seguir avanzando en modelos de atención máis eficientes e coordinados, á vez que recoñece o traballo diario de todos os fisioterapeutas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/10/2026