O conselleiro de Sanidade, xunto coa alcaldesa e o delegado territorial da Xunta, visitou os terreos do antigo colexio Sagrado Corazón que acollerán o novo centro de saúde

Gómez Caamaño salienta o paso decisivo dado no novo centro de saúde do Sagrado Corazón de Lugo, que avanza agora cara a licitación da redacción do proxecto na primavera

Cun investimento estimado próximo aos cinco millóns de euros, contará cunha superficie sanitaria duns 1.600 metros cadrados

O novo centro prestará asistencia a preto de 10.000 veciños

Gómez Caamaño sinala que o Executivo galego traballará para axilizar ao máximo os trámites administrativos, co fin de que a veciñanza dispoña, canto antes, do novo inmoble

O responsable sanitario agradeceu a determinación do Concello e da alcaldesa, que permitiu desbloquear en poucos meses o principal escollo que levaba anos impedindo avanzar neste equipamento tan necesario cara a licitación

Lugo, 10 de setembro de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, salientou hoxe, durante a súa visita a Lugo, o paso decisivo do novo centro de saúde do Sagrado Corazón, que estará situado na parcela do antigo colexio e que avanza agora cara a licitación da redacción do proxecto na primavera.

O titular de Sanidade, que estivo acompañado pola alcaldesa, Elena Candia, e polo delegado territorial da Xunta na provincia, Alfonso Villares, explicou que o novo centro conta cun investimento de preto de cinco millóns de euros, e terá unha superficie sanitaria de 1.600 metros cadrados.

Así, no día de hoxe, levouse a cabo un paso imprescindible coa formalización, por parte do Concello, da ocupación dos terreos, co obxecto de avanzar nesta infraestrutura estratéxica na que a Xunta ten unha vontade firme de investir e de impulsar canto antes.

O inmoble contará con sete consultas de medicina familiar e comunitaria, sete de enfermería, área de pediatría, sala de toma de mostras e espazos para docencia, entre outras dependencias.

Deste xeito, o novo centro do Sagrado Corazón, que ocupará a zona da pista deportiva e da gardería, prestará asistencia a preto de 10.000 veciños e veciñas.

A Xunta vén traballando para impulsar esta infraestrutura, por isto encargou un estudo arquitectónico para avaliar o mellor emprazamento para o centro e dispón dun anteproxecto coas posibilidades de urbanización.

O anteproxecto recolle o derribo das antigas instalacións educativas pero, co obxectivo de respectar a petición do Concello, conservarase o salón de actos.

Axilización dos trámites

O conselleiro explicou que, tras este importante paso, agora ábrese unha folla de ruta para avanzar na construción do novo centro, que pasa pola inscrición dos terreos, a sinatura do convenio de colaboración e cesión ao Servizo Galego de Saúde.

Unha vez cumpridos estes pasos, a Xunta procederá a impulsar a redacción do proxecto do centro de saúde, prevista na próxima primavera, como paso previo á contratación das obras.

Gómez Caamaño sinalou que o Executivo galego traballará para axilizar ao máximo os trámites administrativos, co fin de que a veciñanza dispoña, canto antes, do novo inmoble.

Para rematar as súas verbas, o responsable sanitario agradeceu a determinación do Concello e da alcaldesa, que posibilitou desbloquear en poucos meses o principal escollo que levaba anos impedindo avanzar neste equipamento tan necesario que, finalmente, está avanzando.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/09/2026