Os fondos europeos de recuperación contribuíron ao crecemento da economía galega, á creación de emprego e ao aumento da produtividade, impulsando unha economía máis verde, dixital e inclusiva

A Xunta mobilizou a totalidade dos recursos dispoñibles dos fondos MRR mediante licitacións e subvencións

A execución dos fondos MRR crece un 15 % no segundo trimestre do ano, ata acadar os 1.400 M€

O Goberno central vén de autorizar que a execución final dos gastos en actuacións iniciadas que contribuíron ao cumprimento dos fitos e obxectivos establecidos, se prolongue sen data límite

O director xeral de Cohesión e Fondos Europeos deu conta no Parlamento do estado actual da execución do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia en Galicia

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2026

A Xunta de Galicia mobilizou a totalidade dos recursos dispoñibles dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR) mediante licitacións e subvencións. Ademais, o Goberno galego acadou os 1.559 millóns de euros adxudicados dos fondos do MRR, que representan o 93 % dos recursos dispoñibles.

Así o explicou o director xeral de Cohesión e Fondos Europeos, Ángel Tarrío, en sede parlamentaria, onde deu conta da execución do MRR en Galicia. Alí subliñou que a execución dos fondos MRR medrou un 15 % no segundo trimestre do ano, ata acadar os 1.400 M€, que xa foron pagados ás empresas, persoas físicas, autónomos e outras entidades e sociedades.

Ángel Tarrío anunciou, ademais, que o Goberno central acaba de autorizar agora que a execución financeira destes recursos, unha vez acreditado o cumprimento dos fitos e obxectivos establecidos, se prolongue sen data límite. O director de Fondos Europeos fixo fincapé en que, nestes fondos,  a UE libera os cartos en base ao cumprimento de fitos e obxectivos a nivel de Estado membro e articúlanse a través dun plan nacional, no que non existiu unha cogobernanza real coas CC.AA.

As directrices de peche do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia establecen que todos os fitos e obxectivos do plan deben estar completados a 31 de agosto de 2026 e os Estados Membros dispoñen de prazo ata o 30 de setembro de 2026 para presentar a última solicitude de pagamento coa súa correspondente documentación xustificativa.

Porén, e como Galicia solicitara xa ao Ministerio, a execución financeira de recursos procedentes do MRR transferidos ás comunidades autónomas poderán prolongarse agora sen data límite nalgúns casos; en concreto, ás actuacións iniciadas que contribuíron ao valor declarado á Comisión Europea de fitos ou obxectivos incluídos en solicitudes de pago presentadas ou que se foran presentar dentro dos prazos establecidos.

Os MRR presentan unha elevada diversidade de destinatarios. Así, os recursos xestionados pola Xunta beneficiaron ou están a beneficiar a cidadanía e fogares, persoas en situación de dependencia, alumnado e profesorado, persoas desempregadas, mulleres do medio rural, colectivos vulnerables, empresas e persoas autónomas, entidades locais, universidades, centros de investigación, entidades sociais, centros sanitarios, profesionais, pacientes, usuarios do transporte público e promotores de vivenda social, entre outros.

Ata o 30 de xuño de 2026 víronse beneficiados directamente dos recursos do MRR xestionados pola Administración galega preto de 48.000 persoas físicas, 8.250 autónomos e case 7.500 entidades e sociedades. E, entre os principais proxectos destacan: o reforzo do turismo sostible; axudas para a transformación de flotas de transporte por estrada; actuacións de renovación ou construción de centros residenciais, non residenciais e de día; axudas para a rehabilitación de edificios; investimento en equipos de alta tecnoloxía no eido sanitario; axudas para a agricultura de precisión e tecnoloxías 4.0; ou o fomento da economía circular.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/09/2026