A Xunta impulsa a renovación integral das instalacións de Acea de Ama para convertelo nun complexo deportivo de referencia
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, comproba o resultado da primeira fase do proxecto de modernización
As persoas usuarias poderán desfrutar a partir do luns das novas instalacións, que melloran en accesibilidade, espazos e equipamento e supuxeron un investimento de 2,15 millóns de euros
Outros 2 millóns permitirán completar a reforma con actuacións nas fachadas, nos vestiarios e nas pistas exteriores
Culleredo (A Coruña), 11 de setembro de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo secretario xeral para o Deporte, Roberto García, verificou hoxe a primeira fase das obras de reforma e mellora do complexo deportivo de Acea de Ama, das que poderán desfrutar desde o vindeiro luns as persoas usuarias. As distintas intervencións realizadas supuxeron un investimento de 2,15 millóns de euros e permitiron modernizar diferentes espazos e equipamentos do complexo, co obxectivo de mellorar o confort, a seguridade e as posibilidades de uso das instalacións.
Entre as principais melloras acometidas destaca a ampliación e remodelación da sala de musculación e fitness, que incorpora nova maquinaria deportiva de última xeración conectada a un software que permite facer seguimento das rutinas de adestramento das persoas usuarias. A sala conta tamén cun novo circuíto de adestramento, mentres que as salas de actividades foron reformadas e dotadas de novo material e equipamento deportivo. Ademais, reforzarase o persoal da sala fitness para facilitar asesoramento sobre o uso da nova maquinaria e ampliarase a oferta de actividades dirixidas.
As obras incluíron tamén a mellora dos accesos e da accesibilidade, coa creación dunha nova rampa, o traslado do acceso principal á planta baixa e unha nova recepción con área de atención ao público e control de accesos. Renovouse igualmente a sinalética e instaláronse novas pantallas de información e un sistema de megafonía.
A primeira fase completouse con actuacións para mellorar o funcionamento, o confort e a eficiencia das instalacións, como a modernización da instalación eléctrica e a substitución das luminarias por tecnoloxía LED, a renovación da sala de caldeiras e dos equipos de climatización, a actualización dos sistemas de protección contra incendios e a reparación das cubertas.
Con estas actuacións, a Xunta avanza na modernización dun complexo que conta con aproximadamente 9.500 persoas usuarias, adaptándoo ás novas formas de practicar deporte e actividade física e ampliando as posibilidades de uso das súas instalacións. O obxectivo é seguir mellorando a oferta deportiva, o confort e a eficiencia do complexo e consolidar Acea da Ma como un dos grandes referentes deportivos da área da Coruña.
O proxecto global está a executarse por fases para garantir que o complexo poida continuar prestando servizo á cidadanía durante o desenvolvemento das obras. Así, tras completar esta primeira fase, centrada principalmente nos espazos interiores, equipamentos e instalacións xerais, a Xunta prevé acometer unha segunda actuación unha vez obtidas as correspondentes licenzas administrativas.
Segunda fase para o verán
Esta segunda fase, cun investimento estimado de arredor de 2 millóns de euros, permitirá completar a transformación do complexo coa renovación integral das fachadas e dos vestiarios, a mellora das zonas exteriores e a reordenación da área de calistenia, así como a remodelación das pistas de pádel e tenis. Tamén se intervirá no parque exterior e nas instalacións do soto, ampliando a superficie deportiva, e se introducirán melloras na produción e distribución de auga quente e no tratamento e funcionamento das piscinas. A previsión é que estes traballos estean rematados durante o verán de 2027.
A Xunta, a través da Fundación Deporte Galego, mantén a supervisión do complexo e continúa investindo na conservación e mellora da súa zona exterior. A Fundación xestiona directamente o parque natural e deportivo e conta cun contrato específico para o seu control, limpeza, mantemento e xardinería, cun orzamento de máis de 815.000 euros anuais.
Nos últimos anos tamén se realizaron actuacións de adquisición e reparación de equipamento, mantemento das zonas verdes e boscosas e reforzo da seguridade e vixilancia do recinto.