A Xunta organiza en Chantada unhas xornadas sobre os oficios artesanais ligados á construción tradicional

A Fundación Artesanía de Galicia organiza o encontro Oficio, arquitectura e territorio, que se celebrará os días 26 e 27 de setembro e co que se busca vincular a arquitectura co territorio e coa artesanía contemporánea

Este encontro constitúe a cuarta edición dunha iniciativa posta en marcha polo Goberno galego en 2023, en colaboración co Espacio Vilaseco e Os Casares, para promover a modernización e a innovación do sector artesanal

As xornadas complétanse ademais cun obradoiro de formación práctica sobre pinturas naturais aplicadas á construción actual que impartirá o artesán Luis Prieto os días 28 e 29 de setembro

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2026

A Fundación Artesanía de Galicia organiza os días 26 e 27 de setembro en San Cristovo de Mouricios (Chantada) as xornadas Oficio, arquitectura e territorio, coas que se busca vincular a arquitectura co territorio e coa artesanía contemporánea. As xornadas están comisariadas por Alejandro García Hermida, director da Fundación Culturas Constructivas Tradicionales, e complétanse cun curso de especialización en pinturas naturais aplicadas á construción os días 28 e 29 de setembro. O prazo de inscrición tanto para as xornadas como para o curso de formación está aberto xa na páxina web da Fundación Artesanía de Galicia.  

Este encontro constitúe a cuarta edición dunha iniciativa posta en marcha pola Xunta en 2023, en colaboración co Espacio Vilaseco e Os Casares, para promover a modernización e a innovación do sector artesanal galego a partir dos oficios tradicionais, os recursos locais, os novos materiais e a contorna rural. As xornadas Oficio, arquitectura e territorio crearán un espazo de encontro entre a arquitectura e os oficios ligados á construción e abordarán a relación das culturas construtivas locais co carácter de cada paisaxe e territorio, desde os materiais e sistemas vernáculos ata as súas aplicacións en estruturas e edificacións como muros, edificios, bancais, pontes ou canles.

Programa das xornadas

O programa estrutúrase en diálogos temáticos sobre a colaboración entre arquitectos e mestres da construción, a relación entre os oficios e a identidade das comunidades, a transmisión do coñecemento e o vínculo destes traballos co lugar no que se desenvolven. O encontro abrirase cunha conferencia de Fernando Cerqueira Barros, arquitecto especializado en patrimonio de Arcos de Valdevez (Portugal).

A mesa Oficio e transmisión do coñecemento, coordinada por Lala de Dios, tecedeira, historiadora e comisaria de exposicións, reunirá experiencias de colaboración entre obradoiros artesanais e aprendices. Participarán o teitador Manuel Monteserín (Balboa, León); os artesáns Paco Luis Martos e Florencia Iracema (Úbeda, Jaén), especializados en artesoados; e Miguel Ángel Tapia e Guillermo Bornstein (Viana de Cega, Valladolid), dedicados á escultura en madeira e á imaxinería.

A xornada do sábado rematará coa mesa Oficio e arquitectura, na que participarán o carpinteiro especializado en estrutura Max Rutgers, o arquitecto Oriol Roselló (ambos de Girona) e o Estudio Correoviejo (Valencia), baixo a moderación do arquitecto e ceramista Carlos Jiménez Cenamor (Murcia).

O domingo celebrarase a mesa Oficio e identidade, moderada pola arquitecta e investigadora de materiais Raquel Buj (Madrid), coa participación de Luis Prieto (Madrid), especializado en estucos e revestimentos tradicionais con pigmentos naturais; Arrokabe Arquitectos (Santiago de Compostela); e Jesús Adeva (Toledo), mestre de obra especializado na rehabilitación e restauración de edificios históricos e referente nacional en técnicas construtivas tradicionais aplicadas ao patrimonio.

A última mesa, Oficio e lugar, estará moderada por Alejandro García Hermida e contará co escultor Octavio Vázquez (Lugo), o artesán canteiro Xosé Calviño Doval (Rodeiro) e a arquitecta Celsa Pesqueira (Pontevedra), especializada en rehabilitación. As xornadas rematarán cunha intervención de Rebeca Gómez-Gordo Villa (Toledo), arquitecta e directora de Proxectos da Fundación Culturas Constructivas Tradicionales.

Taller con Luis Prieto

Os días 28 e 29 de setembro, Luis Prieto impartirá o obradoiro As cores naturais na construción actual, centrado na riqueza dos pigmentos naturais autóctonos e no seu uso e evolución histórica. Durante dúas xornadas abordaranse as terras naturais e os óxidos, a extracción e elaboración de materias colorantes, o moído de pigmentos e o uso da cor. A parte práctica incluirá a elaboración de pinturas con madeira, leite, ovo, sodio ou cal, co obxectivo de crear un mostrario de materiais e técnicas para os participantes. O obradoiro terá lugar de 10,00 a 14,00 e de 15,30 a 19,30 h. e contará con 12 prazas.

Data de actualización: 13/09/2026