Román Rodríguez destaca que o sistema educativo público galego conta xa con 32.712 docentes, 956 máis que o curso pasado
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP salienta nunha entrevista na Radio Galega que esta cifra récord se produce malia á redución de alumnos derivada da caída da natalidade
Nos tres últimos cursos, desde a sinatura do acordo de mellora cos sindicatos, o número incrementouse en máis de 1.600
“Isto vai contribuír á redución de ratios e a mellorar a atención ao alumnado e, por extensión, a calidade educativa", salienta
Indica que as novas medidas de reforzo extraescolar que vai poñer en marcha a Xunta van contribuír a reforzar competencias analizadas no informe PISA
Lamenta o “sinsentido” do conflito entre ministerios que obrigou a abandonar a convocatoria de auxiliares de conversa, pero a Xunta prepara xa un programa propio
Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou hoxe nunha entrevista na Radio Galega que o sistema educativo público galego conta xa con 32.712 docentes. Esta cifra récord supón 956 profesionais máis ca o ano pasado. Nos tres últimos cursos, desde a sinatura do acordo de mellora educativa cos sindicatos CCOO, ANPE e UGT, ao que despois se sumou CSIF, o número de profesores medrou nas aulas galegas en máis de 1.600.
O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia salientou que o crecemento da cifra de profesorado “vai contribuír á redución de ratios e a mellorar a atención ao alumnado e, por extensión, a calidade educativa”. Neste sentido, lembrou que este mesmo ano se asinou unha addenda ao devandito acordo para a reorganización do horario en Secundaria, o que permite incorporar só neste etapa 900 profesores, “dos que 150 están especializados en atención á diversidade”, é dicir, son especialistas en Pedagoxía Terapéutica e orientadores, o que redunda nunha atención máis individualizada para o alumnado.
Neste sentido, Román Rodríguez destacou que o acordo é precisamente unha folla de ruta pensada para adaptar a estrutura do sistema educativo a unha dinámica de descenso da natalidade, reducindo ratios –un proceso que se completa este curso en Infantil e comeza o próximo en Primaria– e con medidas innovadoras como a ponderación de alumnos con necesidades especiais. Ao abeiro destas melloras, “no inicio deste curso predominou a normalidade”, sinalou, con arredor de 300.000 estudantes volvendo ás aulas.
Reforzo a quen máis o precisa
En relación ao Programa de reforzo extraescolar en 6º de Primaria aprobado esta semana no Consello da Xunta, o conselleiro indicou que o obxectivo é axudar aos alumnos que presentan máis dificultades de aprendizaxe, reforzando especialmente as competencias en matemáticas e lectura e facilitando a transición de etapa. Farase en horario extraescolar, en grupos reducidos.
Neste sentido sinalou que esta nova medida vén dar resposta a unha situación que estaban a comunicar os docentes, en concreto as dificultades dalgúns alumnos á hora de pasar do colexio ao instituto. “O novo programa vailles axudar a adaptarse mellor”, indicou.
Esta acción vai contribuír á mellora de competencias como as analizadas no informe PISA. Ao respecto dos seus últimos resultados, o conselleiro sinalou que “non son os datos que nos gustarían, sobre todo porque Galicia sempre estivo, sigue estando, no nivel medio alto de España”. En calquera caso, recordou que as puntuacións de Galicia seguen estando por riba da media de España nas tres competencias avaliadas e que a nosa comunidade é líder en equidade.
“Cando hai un golpe tan duro, neste caso na comunidade educativa do conxunto de España, é un bo momento para reflexionar”, dixo. “Hai un elemento vertebral que nos leva a esta caída que é a implementación desde o ano 2020 dunha nova lei educativa, a denominada Lomloe”, lamentou. “Xa advertimos, e aí está, que esta lei ía dar como resultado unha caída da calidade e un incremento da desigualdade educativa”, explicou, sinalando como os tres factores principais: os currículos, o sistema de avaliación –no que se devalúa a cultura do esforzo– e a falta de actualización da carreira docente.
Cultura do esforzo
O conselleiro mencionou tamén a Lei de Educación Dixital, unha lei pioneira en España e en Europa, que fixa unha normativa para regular os dereitos e os deberes do profesorado e o alumnado en todo o que ten que ver co uso da tecnoloxía no sistema educativo. “Non se pode renunciar a estas ferramentas, pero temos que usalas ben”, sinalou.
Ao mesmo tempo, recordou que a política de apoio ás familias e ao alumnado galego, grazas á que a educación é gratuíta en Galicia desde a escola infantil ata a Universidade, “tamén potencia a cultura do esforzo, a tan necesaria cultura do esforzo para recuperar o nivel educativo que estamos perdendo co socialismo educativo”.
Auxiliares de conversa
No que atinxe aos auxiliares de conversa, Román Rodríguez lembrou que a Xunta está a traballar no deseño dun programa propio. Neste sentido lamentou a actitude de dous ministerios de Goberno central, o de Educación e o de Traballo, que pola súa falta de capacidade para buscar unha solución, causaron a renuncia de varias comunidades autónomas a este programa. Cómpre lembrar que varias administracións autonómicas, entre elas a galega, foron multadas “por seguir ao pé da letra un programa do Ministerio de Educación”, dixo o conselleiro, que cualificou este conflito interministerial como “un sinsentido”.
O conselleiro sinalou que a aplicación nos últimos anos deste programa de apoio á aprendizaxe de linguas estranxeiras foi moi positivo para o alumnado galego, “ata o punto de que informes internacionais nos din, e é un gran orgullo e un recoñecemento ao traballo do profesorado, que Galicia é a comunidade autónoma de España onde os mozos e mozas teñen un maior nivel de inglés”. “A Xunta de Galicia vai facer un programa propio cos recursos que dedicaban a este programa para que o alumnado non se vexa penalizado por este contrasentido e por este absurdo” do Goberno central, remarcou.