Educación planifica coa Rede de Formación do Profesorado o impulso de 6.400 actividades este curso
O director xeral de Centros e Recursos Humanos reúnese cos directores da rede para abordar o calendario formativo, que este curso se centra, sobre todo, no reforzo das competencias clave como matemáticas e lectura
Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2026
O director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Álvarez, reuniuse hoxe cos directores da Rede de Formación do Profesorado para planificar as actividades formativas que arrancan este curso ao abeiro do Plan anual de formación docente.
O dito plan contempla unha programación que inclúe 6.395 actividades, 134.000 horas de formación e un total de 132.000 prazas ao servizo da mellora da cualificación profesional dos docentes en Galicia que, na práctica, redundará tamén nunha mellor formación do alumnado.
A oferta formativa deste ano afonda, especialmente, nas competencias matemáticas e lectoras desde un enfoque práctico e baseado na resolución de problemas próximos á realidade do alumnado, así como nunha lectura comprensiva. Así mesmo, tamén se reforza o itinerario formativo en competencia dixital, continúase co proceso de acreditación da competencia dixital docente, refórzase o itinerario STEM e actualízanse os itinerarios formativos para novos docentes e equipos directivos a través de liñas como a mentorización e a concienciación do papel da IA nas súas funcións e responsabilidades.