O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, interveu no décimo aniversario da creación da Cátedra Médica USC-SEMERGEN

Gómez Caamaño chama a estreitar os vínculos entre a sanidade pública e a universidade para que os médicos do futuro atopen en Galicia o mellor lugar para formarse

Subliña o compromiso da Xunta coa formación sanitaria especializada, que acada este ano un novo récord con 725 prazas, 207 delas de medicina familiar e comunitaria

Sitúa a atención primaria como eixe do sistema sanitario galego e pon en valor a creación da nova Dirección Xeral de Atención Primaria e Comunitaria e o reforzo das direccións deste nivel asistencial nas sete áreas sanitarias

Recoñece a traxectoria do doutor Juan Jesús Gestal, galardoado co Premio Cátedra de Educación Médica USC-SEMERGEN

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, participou este mediodía no acto do décimo aniversario da Cátedra Médica USC-SEMERGEN, no que chamou a estreitar os vínculos entre a sanidade pública e a universidade para que os médicos do futuro atopen en Galicia o mellor lugar para recibir a súa formación.

No encontro, o titular da sanidade pública galega estivo acompañado pola reitora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Rosa Crujeiras, polo decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía, José Martín Carreira, o vicepresidente da Xunta Nacional da Sociedade Española de Médicos de Atención Primaria, Rafael Micó, e o director da cátedra e profesor de Fisioloxía da USC, Víctor Manuel Arce. 

O conselleiro de Sanidade puxo en valor o traballo das entidades implicadas na cátedra e destacou o seu apoio á hora de facer fronte aos retos da sanidade galega para reter o talento profesional, responder á demanda asistencial e continuar explorando novas vías de innovación científica, terapéutica e tecnolóxica.

Gómez Caamaño tamén reafirmou o compromiso da Xunta coa formación sanitaria especializada, que este ano bate un novo récord con 725 prazas para o exercicio de 2026-2027, das cales 207 corresponden a medicina familiar e comunitaria.

Por outra banda, o conselleiro fixo fincapé en que a sanidade galega está inmersa nun proceso de transformación, con medidas que buscan reforzar o sistema, permitindo aos profesionais desenvolver a súa actividade con plenas garantías e que isto se traduza nunha atención sanitaria de máxima calidade.

Entre as distintas medidas que está a tomar o Executivo galego, Gómez Caamaño salientou a aposta pola atención primaria como eixe do sistema sanitario. Así destacou a creación da nova Dirección Xeral de Atención Primaria e Comunitaria e o reforzo do peso das direccións deste nivel asistencial nas sete áreas sanitarias.

Por último, o conselleiro reivindicou o papel dos profesionais como o motor da sanidade e recoñeceu a traxectoria do doutor Juan Jesús Gestal, antigo decano da facultade de Medicina e Odontoloxía da USC, quen foi galardoado neste aniversario co Premio Cátedra de Educación Médica USC-SEMERGEN.

Dez anos de docencia, formación e investigación

A Cátedra Médica USC-SEMERGEN é un espazo académico de docencia e investigación, froito do convenio entre a Universidade de Santiago de Compostela e a Sociedade Española de Médicos de Atención Primaria.  Foi creada en 2016 para reforzar a formación práctica dos médicos e as competencias do alumnado de medicina.

A súa sede está localizada na Facultade de Medicina e Odontoloxía de Santiago de Compostela e as súas funcións abranguen desde a simulación médica e as habilidades clínicas ata a promoción da formación continua e a investigación.

Neste marco, a sociedade organiza cursos dirixidos, principalmente, á especialidade medicina de familia e ao ámbito da atención primaria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/09/2026