Belén do Campo supervisa as obras de mellora do pavimento no pavillón municipal de Curtis que contaron cun apoio da Xunta de 35.000€ e a actuación de renovación do ximnasio que tamén se está acometendo co apoio do Goberno galego
A delegada da Xunta destacou que esta orde permite impulsar, este ano, actuacións en 32 concellos da provincia por un importe de máis de 1,1 millóns. Concretamente, na comarca de Betanzos a Xunta apoia 6 actuacións nos concellos de Curtis, Oza-Cesuras, Abegondo, Betanzos, Irixoa e Vilarmaior por un importe de case 192.000 euros
Curtis (A Coruña), 15 de setembro de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Curtis, Javier Caínzos, visitou o concello para coñecer as obras de mellora que se executaron no pavillón municipal. Esta actuación contou cun apoio da Xunta de 35.000 euros a través da orde infraestruturas de uso público, do ano pasado, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, incluíndo tamén a renovación do pavimento interior do pavillón de Teixeiro. Así mesmo, tamén supervisou as actuacións previstas este ano de renovación do ximnasio no pavillón de Curtis que contan cunha achega de máis de 35.000 euros desta mesma orde en 2026. O concello conta con 430 usuarios nestas dúas instalacións.
Durante a visita a delegada comprobou as obras do ano pasado realizadas no pavillón municipal de Curtis de renovación do seu pavimento interior que permitiron sanear as zonas deterioradas, reparar as xuntas e recuperar e protexer o pavimento existente, ademais de renovar o marcaxe das diferentes pistas deportivas.
As actuacións comezaron cos traballos de reparación previa dos pavimentos de PVC, incluíndo a intervención nas xuntas e nas zonas deterioradas, o saneamento das áreas danadas e o repaso dos cordóns de soldadura nos puntos nos que foi necesario.
Posteriormente, procedeuse á recuperación e revestimento do pavimento existente mediante a aplicación dun novo revestimento deportivo. Un dos aspectos destacados da actuación foi tamén a renovación dos marcaxes das pistas deportivas, adaptados á normativa vixente das correspondentes federacións deportivas. Ademais pintáronse as pistas de balonmán/fútbol sala, voleibol e bádminton, incluíndo o correspondente replanteo dos marcaxes. Estas mesmas intervencións se levaron a cabo no pavillón de Teixeiro.
Renovación ximnasio
En relación coa actuación que se executará en breve, este ano, de renovación do ximnasio do pavillón de Curtis. Entre as intervencións previstas atópase a modificación do espazo destinado á sauna, coa retirada do jacuzzi e a recolocación da cabina de sauna, permitindo unha mellor adaptación da estancia ás necesidades do equipamento.
As obras inclúen tamén a reparación dos paramentos afectados polos traballos, co obxectivo de deixar os espazos en condicións axeitadas unha vez finalizadas as intervencións. Outro dos ámbitos fundamentais da actuación é a renovación das instalacións do ximnasio, coa actualización da instalación eléctrica, do sistema de climatización e renovación de aire, así como da instalación contra incendios.
A delegada territorial destacou a importancia de seguir investindo na mellora e modernización das instalacións deportivas, garantindo que os espazos destinados á práctica deportiva conten coas condicións adecuadas de seguridade, confort e funcionalidade.
Apoio ás dotacións e servizos básicos municipais
Con esta iniciativa o Goberno galego quere impulsar a calidade de vida da veciñanza das áreas rurais a través da colaboración cos concellos, como entidades máis próximas á cidadanía e motores do desenvolvemento económico. O obxectivo é mellorar das dotacións e infraestruturas básicas e dos servizos municipais. Búscase así favorecer a fixación de poboación e garantir o equilibrio no territorio galego entre o medio rural e o urbano, o interior e da costa, a prol dunhas óptimas condicións de vida con independencia do lugar de residencia.
Orde 2026
Belén do Campo lembrou que esta orde vai dirixida á creación e mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais e está dotada cun orzamento de 3,5 millóns de euros. Este ano 2026 esta orde permite impulsar actuacións en 32 concellos da provincia por un importe de máis de 1,1 millóns. Concretamente, na comarca de Betanzos a Xunta apoia 6 actuacións nos concellos de Curtis, Oza-Cesuras, Abegondo, Betanzos, Irixoa e Vilarmaior por un importe de case 192.000 euros.
A través desta convocatoria subvenciónanse as obras nas redes de alumeado público; a pavimentación de camiños públicos municipais; e as obras en prazas, parques, paseos e rúas. A estas engádense a creación ou rehabilitación de edificios ou dependencias municipais destinadas á prestación de servizos municipais, así como a mellora da súa accesibilidade ou a dotación de equipamentos destes edificios ou dependencias.
As axudas van dirixidas aos concellos de menos de 30.000 habitantes, que poden solicitalas de xeito individual ou mediante asociacións ou agrupacións. Cada concello pode presentar un máximo de dúas solicitudes, sempre que unha delas sexa individual e outra conxunta e para actuacións diferentes. Ademais, cada petición debe corresponderse cun único proxecto, que pode abranguer varias accións.
A colaboración do Goberno galego financia ata o 80% do orzamento da obra ou equipamento que se vai realizar, co límite de 40.000 euros para as solicitudes individuais e de 50.000 euros para as conxuntas ou as presentadas por concellos resultantes dun proceso de fusión municipal.