A Xunta destinará 3,7 M€ a unha decena de propostas de concellos da provincia da Coruña para levar a cabo actuacións municipais de carácter estratéxico
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou hoxe as obras que se están a levar a cabo para reformar a Casa do Concello da Laracha e a súa contorna, ás que o Goberno galego destinou unha achega de máis de 556.300 euros na orde do ano pasado
Na convocatoria deste ano as dez iniciativas beneficiarias na provincia coruñesa corresponden ás presentadas polos municipios de Ames, Brión, Cabana de Bergantiños, Carral, Cedeira, Fisterra, Miño, Ordes, Pontedeume e Vedra
A Laracha (A Coruña), 15 de setembro de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, explicou hoxe nunha visita ao concello da Laracha que entre os proxectos de investimento financiados a través das achegas do Fondo de Cooperación Local (FCL) para actuacións municipais de carácter estratéxico con repercusión supramunicipal ou comarcal inclúense as iniciativas destinadas á conexión, á reorganización, ao agrupamento ou á centralización de edificios destinados á prestación de servizos municipais. Ese é precisamente o obxectivo da reforma da Casa do Concello da Laracha e da súa contorna que visitou hoxe o conselleiro xunto coa directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto.
A iniciativa recibiu unha achega de máis de 556.300 euros na convocatoria do ano pasado, o que supón a metade do investimento. A Xunta consolida así este instrumento activado hai dous anos e fundamental para o eido local con oito millóns investidos nas convocatorias de 2024 e 2025. Na orde deste ano aumentouse o orzamento ata os 10 millóns de euros e a Xunta notificou a resolución con 26 proxectos estratéxicos beneficiarios, dos que dez se sitúan na provincia da Coruña por importe de 3,7 millóns de euros. Trátase das propostas presentadas por Ames, Brión, Cabana de Bergantiños, Carral, Cedeira, Fisterra, Miño, Ordes, Pontedeume , Vedra.
Na área da Coruña, Carral recibirá máis de 429.400 euros para a modernización das infraestruturas deportivas de interese supramunicipal, e Miño executará a cuberta da pista polideportiva na Galea cunha achega superior aos 391.500 euros.
Na contorna de Ferrol, os concellos beneficiario son Cedeira, que recibirá 201.000 euros para unha nave destinada ao desenvolvemento de actividades acuáticas, e Pontedeume, con 500.000 euros en actuacións no pavillón multiúsos municipal.
Na zona de Compostela, Ames reformará o campo de fútbol municipal do Milladoiro, para o que a Xunta financiará máis de 258.400 euros; Brión mellorará e acondicionará o complexo deportivo municipal, con 500.000 euros achegados polo Goberno galego; e Ordes fará melloras no polideportivo Castelao, con case 500.000 euros de aportación autonómica. Pola súa banda, Vedra aposta polos servizos sociais con actuacións no Centro de Día Casa das Artes, ao que a Xunta destinará máis de 350.400 euros.
A maiores das áreas das principais cidades, Cabana de Bergantiños recibirá máis de 288.400 euros para o complexo deportivo e Fisterra case 305.000 euros para a rehabilitación do campo fútbol Ara Solis e urbanización dos accesos ao campo, ao polideportivo municipal e ao instituto de educación secundaria IES Fin do Camiño.
Xunto aos dez proxectos beneficiarios este ano que se sitúan na Coruña, hai outros seis en Ourense -Boborás, A Bola, O Carballiño, Laza, O Pereiro de Aguiar e Xinzo de Limia, cinco en Lugo - Begonte, Castro de Rei, Cervo, Chantada e Lugo- e outros cinco en Pontevedra - Cerdedo Cotobade, Ribadumia, Lalín, Rodeiro e Covelo-.
Na visita de hoxe ao municipio da Laracha, o conselleiro de Presidencia comprobou os traballos que se están a realizar no marco da reforma da Casa do Concello co obxectivo de incrementar a comodidade das persoas traballadoras e usuarias mediante a unificación dos servizos nun só espazo, contribuíndo así a unha mellora eficacia na prestación dos servizos municipais. O novo edificio tamén será máis accesible e máis sustentable debido as medidas de aforro enerxético previstas. Do mesmo xeito, inclúense actuacións tamén na contorna, tanto na praza como no parque cunha zona cuberta con asentos ou unha zona de almacenamento de residuos e aseos. Apostarase tamén por un punto de mobilidade sostible que fomente o uso do vehículo eléctrico coa instalación de puntos de recarga, o transporte público ao habilitar parada de autobús e taxi, a bicicleta cun novo aparcadoiro, e tamén a pé cun paso peonil entre as dúas avenidas da zona. Deste xeito, poténciase a centralidade do concello e promovese o comercio local.
Ademais de proxectos relacionados cos edificios destinados á prestación de servizos municipais como é este caso na Laracha, a través desta liña de apoio ás entidades locais, o Goberno galego impulsa outras iniciativas que transcenden o ámbito municipal e que contribúen a fomentar a economía e a industria dos concellos galegos e a transformar de maneira transversal outros ámbitos. Na convocatoria deste ano, no que se refire á tipoloxía, as infraestruturas deportivas foron as principais beneficiadas en todo o territorio, con 17 propostas financiadas e un investimento conxunto de 6,3 millóns de euros, o que supón máis do 60% en cada caso.
As axudas destinadas a investimentos en infraestruturas municipais de carácter estratéxico enmárcase no compromiso do Goberno galego coas entidades locais, con diferentes liñas de apoio cada ano para facilitar tanto a mellora de equipamento como de infraestruturas. Así, só o ano pasado o apoio da Xunta permitiu impulsar preto dun milleiro de proxectos cun investimento de máis de 37,5 millóns de euros, con actuacións en practicamente todos os concellos galegos. No concello da Laracha, a Xunta leva investidos nos últimos anos máis de 1,8 millóns de euros.