O titular de Sanidade participou na presentación do libro 'Galicia Vive+', que coordina a doutora Pilar Rodríguez Ledo
Gómez Caamaño destaca en Madrid o papel de Galicia como laboratorio natural para estudar as claves da lonxevidade saudable
O responsable da carteira sanitaria da Xunta destaca que Galicia conta con preto de 1.800 persoas centenarias, o que representa ao redor do 12 % de todo o Estado
Salienta que a adopción temperá de hábitos saudables é o mellor tratamento posible para envellecer mellor, lembrando algunha das iniciativas postas en marcha na comunidade galega como o Plan Obesidade Zero ou Adestra a túa Saúde
A Xunta vén de pór en marcha o Rexistro galego de persoas centenarias (Regace), orientado a investigar os determinantes biolóxicos, xenéticos e ambientais da lonxevidade e co obxectivo de deseñar políticas sanitarias máis personalizadas
Manter unha alimentación equilibrada, coidar o descanso e o benestar emocional e realizar actividade física con frecuencia, son algunhas das claves que remarca a publicación
Madrid, 17 de setembro de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, participou esta tarde, en Madrid, na presentación do libro Galicia Vive+, onde destacou o papel da comunidade galega como “laboratorio natural” para comprender e estudar os factores que fan posible unha lonxevidade saudable.
Coordinado pola doutora María Pilar Rodríguez Ledo e publicado por Ézaro Edicións, Galicia Vive+ aborda dun xeito multidisciplinar os factores que inciden no envellecemento da poboación, atendendo a diversos factores como poden ser a xenética, a inmunoloxía, a neuroloxía, a nutrición ou actividade física. Neste sentido, o responsable da carteira sanitaria da Xunta salientou o valor e a calidade dunha publicación “na que se demostra que a lonxevidade non pertence a unha única disciplina”.
Durante a súa intervención, o conselleiro de Sanidade subliñou que Galicia conta na actualidade con preto de 1.800 persoas centenarias, o que representa ao redor do 12 % de todo o Estado.
A ese respecto, Gómez Caamaño lembrou a importancia de que as políticas sanitarias públicas non se limiten a procurar acadar máis anos de vida, senón que o obxectivo debe ser garantir que eses anos se vivan coa maior calidade e autonomía posible. “A verdadeira lonxevidade non se mide só en tempo, mídese sobre todo no benestar”, afirmou.
Con este obxectivo, abundou o conselleiro, o Executivo galego puxo en marcha nos últimos anos diferente iniciativas, como poden ser os plans Obesidade Zero e Adestra a túa Saúde, así como o Rexistro galego de persoas centenarias (Regace), orientado a investigar os determinantes biolóxicos, xenéticos e ambientais da lonxevidade.
No peche do acto, que tamén contou coa participación do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, o titular de Sanidade insistiu en que o mellor medicamento consiste na prevención, na alimentación equilibrada, na actividade física ou descanso e o benestar emocional.