As instalacións de Área Central acollerán do 25 ao 27 de setembro a segunda edición do Festival Dálle Xogo

Sanidade promove o festival Dálle Xogo como espazo de lecer educativo e interxeracional sen pantallas

A iniciativa, apoiada pola Consellería de Sanidade, ofrecerá durante tres días actividades para todas as idades arredor dos xogos de mesa

A entrada será de balde, con horario de 16,30 a 20,30 horas o venres e de 10,30 a 20,30 horas o sábado e o domingo

O programa completo de actividades pode consultarse na web https://dallexogo.es

O obxectivo da xornada é promover alternativas de ocio social para previr condutas adictivas dixitais e favorecer a convivencia e as experiencias compartidas en familia

A primeira edición contou con máis de 5.000 persoas participantes e este ano agárdase superar as 8.000

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2026

A Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, volve apoiar o festival Dálle Xogo, que celebrará a súa segunda edición do 25 ao 27 de setembro nas instalacións de Área Central, en Santiago de Compostela.

O encontro, con entrada de balde, ofrecerá propostas de lecer baseadas nos xogos de mesa como alternativa ao uso de pantallas. O festival comezará o venres pola tarde, de 16,30 a 20,30 horas, e continuará o sábado e o domingo, de 10,30 a 20,30 horas, con actividades dirixidas a diferentes idades.

A programación incluirá un espazo de xogo libre, cunha ludoteca ampliada e demostracións de xogos a cargo de editoriais e especialistas do sector. Tamén se desenvolverán tres relatorios centrados na educación e os hábitos saudables, así como obradoiros con actividades interxeracionais.

O programa completarase con torneos con premios e sesións de sinatura de autores, mantendo unha combinación de accións lúdicas, educativas e participativas, seguindo a liña da pasada edición.

Para consular o programa completo de actividades pode visitarse a web https://dallexogo.es.

O encontro celebrarase novamente en Área Central, un espazo accesible que dispón de máis de 1.400 m² de exposición, aparcadoiro propio, parada de autobús e servizo de transporte, facilitando o acceso das persoas participantes.

Para facer posible o desenvolvemento das actividades, o comité organizador contará coa colaboración de entre 30 e 40 persoas voluntarias, ademais de catro coordinadores encargados da organización e xestión das distintas xornadas.

O xogo como alternativa ao uso abusivo das pantallas

Despois de reunir máis de 5.000 participantes na súa primeira edición, o festival amplía este ano a súa proposta e agarda superar os 8.000 participantes. Para logralo, a programación incorpora novas actividades e obradoiros.

A Xunta apoia o financiamento deste tipo de actividades como parte das accións de prevención das condutas adictivas dixitais e de promoción de alternativas de ocio saudables.

Nesta mesma liña, a Consellería de Sanidade e a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes colaboran no desenvolvemento do programa Adestrar sen pantallas, que fomenta o deporte como alternativa ao uso abusivo dos dispositivos dixitais.

Data de actualización: 19/09/2026