O conselleiro de Sanidade participou no III Cóctel Solidario da Obra Social Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, celebrado na Fundación Laboral da Construción
Gómez Caamaño destaca os esforzos por humanizar a atención pediátrica no Servizo Galego de Saúde e reforzar o acompañamento ás familias
Remarca a aposta do Servizo Galego de Saúde pola humanización da atención pediátrica, con actuacións como a dulcificación na UCI pediátrica do Hospital Lucus Augusti ou na área de pediatría do centro de saúde da Estrada
Salienta a transformación da terraza do Hospital Clínico de Santiago nunha nova sala de espera oncolóxica máis confortable, tras un investimento da Xunta de 1 M€
Pon en valor o compromiso da Xunta co coidado da infancia desde a prevención, mediante o cribado neonatal e co calendario de vacinación máis completos do mundo
A campaña de vacinación fronte ao VRS nos nenos comeza este luns, 21 de setembro, e a da gripe para os máis pequenos arrancará o 13 de outubro nos centros de saúde e en 75 centros escolares
O novo Plan Estratéxico de Saúde Mental 2026-2030 reforza a detección temperá e a atención especializada á infancia e á adolescencia ata os 18 anos
Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, participou hoxe no III Cóctel Solidario organizado pola Obra Social Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). Nel destacou os esforzos colectivos por humanizar a atención pediátrica, procurando unha asistencia que teña en conta non só a enfermidade, senón tamén as necesidades emocionais e familiares dos nenos e nenas.
Durante a súa intervención Gómez Caamaño sinalou que cando a enfermidade aparece na infancia pode interromper o xogo, a aprendizaxe e a vida familiar. Por este motivo, subliñou que a atención pediátrica, especialmente no ámbito oncolóxico, require unha sensibilidade especial e un coidado integral que vaia máis alá do ámbito clínico.
Neste senso, o conselleiro puxo en valor a aposta do Servizo Galego de Saúde pola humanización dos centros hospitalarios e a mellora das súas instalacións, entendendo que a contorna na que se recibe atención tamén forma parte do coidado.
Entre as actuacións desenvolvidas pola sanidade pública galega neste ámbito, destacou a humanización da UCI pediátrica do Hospital Lucus Augusti e a transformación da área de pediatría do centro de saúde da Estrada, realizada coa colaboración da Fundación Andrea para crear unha contorna máis acolledora para os nenos e as súas familias.
No eido da oncoloxía, tamén salientou a transformación da terraza do Hospital Clínico Universitario de Santiago nunha nova sala de espera oncolóxica, un espazo máis acolledor destinado aos pacientes oncolóxicos que supuxo un investimento da Xunta dun millón de euros.
Prevención e atención integral desde a infancia
O compromiso da Xunta co coidado da infancia comeza pola prevención, cun programa de cribado neonatal e cun dos calendarios de vacinación máis completos do mundo, que se continúa ampliando para reforzar a protección da saúde dos máis pequenos.
Este mesmo luns, 21 de setembro, comeza a campaña de vacinación dos nenos e nenas fronte ao virus respiratorio sincitial (VRS), mentres que a campaña de vacinación fronte á gripe para os máis pequenos comezará o 13 de outubro, tanto nos centros de saúde como nos 75 centros escolares nos que se desenvolverá este ano.
Ademais, a saúde mental infantil e adolescente é outro dos ámbitos prioritarios do novo Plan Estratéxico de Saúde Mental 2026-2030, que incorpora unha liña específica para impulsar a detección temperá e a atención especializada ata os 18 anos. O plan aposta, ademais, por mellorar a coordinación cos ámbitos educativo, social e comunitario, co obxectivo de ofrecer unha resposta máis próxima e integral.
Antes de finalizar a súa intervención, Gómez Caamaño puxo en valor a importancia da colaboración da sociedade civil e agradeceu á Obra Social Pediatría e ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago o seu compromiso, así como ás persoas que fan posible esta iniciativa e contribúen, co seu tempo e solidariedade, a acompañar os nenos e as súas familias nos momentos máis difíciles.