A Xunta impulsa a adaptación do dereito civil galego ás novas realidades sociais e familiares
O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, salienta en Zaragoza a necesidade de actualizar o dereito sucesorio ás actuais estruturas sociais e á contorna virtual
A reforma aborda os cambios nas estruturas familiares e nos patrimonios e adapta a normativa aos novos dereitos dixitais
Zaragoza, 22 de setembro de 2026
O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, defendeu hoxe en Zaragoza a necesidade de actualizar o dereito civil galego para darlle resposta ás novas realidades sociais e familiares. Fíxoo no segundo encontro de comisións asesoras en materia de dereito civil das comunidades autónomas con dereito civil propio, no que abordou o traballo desenvolvido nos últimos cinco anos pola Comisión de Dereito Civil do Colexio Notarial de Galicia para a reforma da normativa de 2006 que regula o dereito de sucesións.
A proposta, recibida pola Xunta o pasado 16 de setembro, contempla a reforma e actualización de máis de 200 artigos e incorpora cuestións novas como a sucesión dos bens e dereitos dixitais. Deste xeito, regúlase por primeira vez quen poderá actuar tras o falecemento dunha persoa ante os prestadores de servizos dixitais, acceder aos seus contidos ou decidir sobre o mantemento ou eliminación dos seus perfís nas redes sociais, adaptando tamén á contorna dixital figuras tradicionais como o albaceazgo.
Tronchoni incidiu tamén na necesidade de adaptar o dereito sucesorio aos cambios nas estruturas familiares e nos patrimonios, reforzando a autonomía das persoas para organizar a súa sucesión. A proposta busca unha regulación máis completa dos pactos sucesorios, moi utilizados en Galicia para a transmisión dos patrimonios familiares, e incorpora as adaptacións necesarias á Convención da ONU sobre os dereitos das persoas con discapacidade e ao novo sistema de apoios establecido pola Lei 8/2021.