O conselleiro de Sanidade, acompañado do xerente da área sanitaria viguesa, Javier Puente, interveu na inauguración das II Xornadas de Enxeñaría Biomédica, en Vigo

Gómez Caamaño salienta a aposta da Xunta por facer de Vigo o motor da integración da enxeñería biomédica na sanidade pública coa creación da categoría profesional e a convocatoria das primeiras prazas estables

Eloxia a excelencia da Universidade de Vigo no ámbito das enxeñerías sumada á capacidade asistencial, tecnolóxica, docente e investigadora do Hospital Público Álvaro Cunqueiro para formar novos profesionais

Resalta que o novo concerto do Servizo Galego de Saúde coas tres universidades públicas galegas incorpora expresamente o grao e o mestrado en enxeñería biomédica

A sanidade pública colabora coa Universidade de Vigo cun convenio de 560.000 € para desenvolver a formación teórico-práctica para o alumnado de grao en Enxeñería biomédica e de 75.000 € para colaborar na docencia do mestrado desta especialidade

Vigo, 22 de setembro de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe a aposta da Xunta por facer de Vigo o motor da integración na sanidade pública da enxeñería biomédica, grazas á creación desta categoría profesional e á convocatoria das primeiras prazas fixas este mesmo ano.

Así o afirmou durante a inauguración das II Xornadas de Enxeñaría Biomédica, onde estivo acompañado do xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente.

Gómez Caamaño destacou as capacidades dos profesionais da enxeñería para conectar a tecnoloxía ás necesidades asistenciais dos pacientes, xa que contribúen á xestión e avaliación da tecnoloxía biomédica, á innovación, á saúde dixital e á análise de datos, pero tamén a revisar e optimizar procesos e circuítos hospitalarios para facelos máis eficientes.

Tendo en conta as súas capacidades, o conselleiro de Sanidade lembrou que xa en 2022 o Servizo Galego de Saúde abriu as primeiras listas de contratación temporal para enxeñeiros biomédicos. Unha vez confirmada a mellora á sanidade pública que poden achegar, en 2025 creouse a categoría estatutaria de enxeñeiro e enxeñeira biomédica no Sergas e este mesmo ano convocáronse as primeiras prazas estables desta categoría.

Gómez Caamaño transmitiu a estratexia da Consellería de Sanidade de incorporar novos perfís e novas capacidades que cada vez son máis necesarios no sistema sanitaria polo peso crecente da tecnoloxía.

Formación de excelencia

O conselleiro de Sanidade puxo de relevancia a experiencia e excelencia da Universidade de Vigo no ámbito das enxeñerías, que se suman á capacidade asistencial, tecnolóxica, docente e investigadora do Hospital Público Álvaro Cunqueiro e do resto da área sanitaria de Vigo.

Gómez Caamaño subliñou que a formación non se circunscribe ás aulas, senón que os futuros enxeñeiros biomédicos tamén se forman nos hospitais públicos, en contacto co persoal do Servizo Galego de Saúde, coa tecnoloxía biomédica e coas necesidades reais de asistencia sanitaria.

Indicou que o Sergas a Universidade de Vigo veñen desenvolvendo esta colaboración para a formación teórico-práctica do Grao en Enxeñería Biomédica, mediante un convenio de 560.000 euros. Ao que se suma tamén un convenio específico para a docencia do Mestrado en Enxeñería Biomédica, con 75.000 euros.

Ademais, o novo concerto entre o Sergas e as tres universidades públicas galegas incorpora expresamente tanto este grao como o mestrado e consolida a colaboración docente e investigadora cos nosos centros sanitarios.

Como exemplos do ecosistema de innovación arredor da enxeñería biomédica en Vigo, Gómez Caamaño citou tres iniciativas que se están a desenvolver nos hospitais públicos.

Por unha banda, o programa Asiste Ingbio conecta o alumnado do Mestrado en Enxeñería Biomédica con nove grupos de investigación do Hospital Público Álvaro Cunqueiro para desenvolver proxectos vinculados ás necesidades reais da asistencia sanitaria.

Tamén ImageDataSpace, que aproveita o potencial das imaxes médicas e da intelixencia artificial para avanzar no desenvolvemento de novas ferramentas aplicadas ao ámbito sanitario.

E destaca tamén o proxecto Exocare, no cal a enxeñería e a tecnoloxía contribúen ao desenvolvemento de solucións que faciliten a mobilización dos pacientes e protexan tamén a saúde das persoas que os coidan.

O conselleiro de Sanidade incidiu na idea da contribución dos enxeñeiros biomédicos de partir dunha necesidade real, sumar coñecementos distintos e transformar a tecnoloxía nunha solución útil para as persoas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/09/2026