A Xunta licita por máis de 62.000 € a subministración sucesiva de probas rápidas para a diagnose en fluído oral de VIH e o virus da hepatite C
Estes test permiten acadar un diagnóstico precoz das enfermidades, posibilitando o inicio temperá do seu tratamento
O contrato terá unha duración de 12 meses, contemplando a posibilidade de ser prorrogado por un período máximo de dous anos
Esta compra enmárcase no Plan galego de infeccións de transmisión sexual 2026-2030, que ten como obxectivo acabar con estas infeccións como problema de saúde pública
As empresas interesadas neste procedemento teñen ata o vindeiro 7 de outubro para presentar as súas ofertas
Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2026
A Xunta vén de publicar no Portal de Contratos Públicos de Galicia, a licitación, por un importe de 62.532,80 euros, da subministración sucesiva de probas rápidas para a diagnose en fluído oral de VIH e o virus da hepatite C.
O contrato terá unha duración de 12 meses, contemplando a posibilidade de ser prorrogado por un período máximo de dous anos.
Estes test permiten o diagnóstico precoz da infección polo VIH e da hepatite C, posibilitando asi o inicio do seu o tratamento, ao tempo que se frea a súa transmisión.
As probas consisten nun inmunoensaio cualitativo para o diagnóstico in vitro, dun solo emprego e con materiais individualizados para cada proba, para detectar anticorpos do virus de inmunodeficiencia humana tipo 1 e 2 (VIH-1/2) ou de hepatite C en mostra de fluído oral.
As empresas interesadas neste procedemento teñen ata o vindeiro 7 de outubro para presentar as súas ofertas.
Plan pioneiro
A comezos deste ano, a Xunta puxo en marcha un plan pioneiro para acabar coas infeccións de transmisión sexual como problema de saúde pública no horizonte de 2030.
O plan marca como meta reducir a incidencia de cada unha das infeccións de transmisión sexual nun 5 % cada ano e, para conseguir estes obxectivos, o Goberno galego conta cun orzamento de 195 millóns de euros en cinco anos, dos que 177 se destinan a ferramentas de diagnóstico e tratamento. Tamén se fará un forte esforzo en prevención, ademais de investigación e concienciación social.