O xerente do Servizo Galego de Saúde, Luis León, e o director xeral de Atención Primaria e Comunitaria, Salvador Mariño-Ageitos, visitaron as instalacións da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS)
O xerente do Servizo Galego de Saúde salienta a solidariedade da cidadanía, que situou Galicia como a terceira comunidade con maior taxa de doazón de sangue en 2025
Luis León lembra que en 2025 Galicia acadou unha taxa de doazón de sangue cun índice de 39 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, cinco puntos por riba da media estatal
Salienta a importancia da doazón de sangue para facer posible gran parte do labor asistencial dos hospitais galegos
Resalta o récord histórico na actividade de transplantes de órganos acadado en 2025, con 429 intervencións cirúrxicas e 143 doantes
Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2026
O xerente do Servizo Galego de Saúde, Luis León Mateos, e o director xeral de Atención Primaria e Comunitaria da Consellería de Sanidade, Salvador Mariño-Ageitos, visitaron esta mañá as instalacións da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS). Durante a súa visita, salientaron a solidariedade da cidadanía galega, que situou a comunidade como a terceira en taxa de doazón de sangue durante o pasado 2025.
En 2025, Galicia acadou un índice de 39 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, grazas ás 105.337 doazóns de sangue realizadas polos cidadáns galegos. Esta cifra situou a comunidade cinco puntos por riba da media estatal.
Luis León e Salvador Mariño-Ageitos, acompañados polo equipo directivo da ADOS, salientou a importancia vital do xesto altruísta da doazón de sangue para posibilitar unha gran parte do intenso labor asistencial do noso sistema público de saúde.
O xerente do Sergas e o director xeral de Atención Primaria e Comunitaria quixeron coñecer de primeira man o labor diario dos profesionais da Axencia que posibilitan a obtención, procesamento e distribución dos compoñentes sanguíneos obtidos das doazóns de sangue.
Récord histórico en doazón e transplante de órganos
Desde a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue xestiónanse, ademais, os programas de doazón e transplante de órganos que, segundo salientou o xerente do Sergas, están a acadar récords históricos de actividade, como sucedeu no ano 2025 coa realización de 429 intervencións cirúrxicas de transplante e 143 doantes de órganos.
Neste sentido, o xerente do Servizo Galego de Saúde quixo agradecer tamén a solidariedade dos doantes de órganos e das súas familias xa que, en momentos especialmente delicados, favorecen a doazón e regalan a moitos enfermos unha nova oportunidade de vida.
No transcurso da visita ata as instalacións, tanto o xerente como o director de Atención Primaria e Comunitaria, puideron coñecer o labor da Unidade de Bioloxía Molecular e Histocompatibilidade, departamento que conta coa certificación da European Federation for Immunogenetics, e posibilita a tipaxe dos doantes de medula ósea, que hoxe celebran o seu Día Mundial.
A ese respecto, hoxe mesmo, con motivo do Día Mundial do Doante de Médula Ósea, a ADOS informou de que na actualidade, figuran como inscritos 16.234 galegos e galegas no Rexistro Español de Doantes de Medula Ósea, dos que un total de 455 incorporáronse no que vai de ano.