Medio Rural amosa os avances da primeira estratexia de prevención de perdas e loita contra o desperdicio alimentario de Galicia en Cataluña
O director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria asistiu hoxe á celebración do I Congreso sobre Prevención das Perdas e o Desperdicio Alimentarios en Barcelona
Cómpre lembrar que a Consellería está a elaborar a primeira Estratexia de prevención de perdas e loita contra o desperdicio alimentario de Galicia, que inclúe actuacións como o lanzamento dunha web para comercializar estes excedentes ou a creación dun selo de compromiso
Barcelona, 22 de setembro de 2026
O director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Juan José Cerviño, asistiu hoxe ao I Congreso sobre Prevención das Perdas e o Desperdicio Alimentarios que se celebra en Barcelona, onde falou dos avances da primeira estratexia de Galicia nesta materia, na que se inclúen actuacións diversas que poñen o foco na raíz desta cuestión.
En concreto, contempla a posta a disposición das persoas produtoras dunha plataforma web específica para comercializar excedentes ou produtos que non conseguiron vender por ser imperfectos e non cumprir cos estándares de forma, tamaño ou cor, pero que son de boa calidade, para que poidan ser adquiridos por comedores colectivos. A maiores, tamén se elaborará un Manifesto contra o desperdicio alimentario e as empresas que se adhiran a el, poderán contar cun selo que acreditará o seu compromiso e faráselles entrega dunha distinción anual en recoñecemento das súas boas prácticas.
A estratexia tamén inclúe a realización de enquisas, en colaboración co Instituto Galego de Estatística (IGE) e coa Consellería do Medio Ambiente e Cambio Climático, para a diagnose da dimensión do desperdicio alimentario na nosa comunidade nos diferentes ámbitos; desde a Consellería do Medio Rural tamén se impulsarán campañas de sensibilización, concienciación e formación dirixidas á cidadanía; redactaranse guías e documentos de boas prácticas a nivel sectorial; e lanzarase unha iniciativa de elaboración de receitas de aproveitamento con cociñeiros de prestixio, entre outras medidas.
Reducir o desperdicio valoriza aínda máis a calidade dos produtos, engade un diferencial de sustentabilidade e mellora os rendementos económicos. Así mesmo, todas estas medidas se suman a todo o traballo que desenvolve a Xunta de Galicia a través dos diferentes departamentos implicados nesta cuestión.
Colaboración coa Generalitat de Cataluña
A Consellería do Medio Rural colabora coa Generalitat de Cataluña para o control do desperdicio, un eido no que a Administración catalá tamén está a traballar. Neste sentido, este ano mantivéronse reunións para avanzar nesta materia.