O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero participou na sesión plenaria deste observatorio
A Xunta aposta por reforzar os recursos de prevención e sensibilización contra a violencia de xénero
Roberto Barba fixo balance das últimas iniciativas impulsadas polo Goberno galego co obxectivo de chegar a máis poboación
Puxo en valor os CIM Móbiles que desenvolven un labor fundamental nas zonas rurais e nos Campus
Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2026
O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, participou na sesión plenaria do Observatorio Galego da Violencia de Xénero na que defendeu a aposta do Goberno galego por seguir reforzando os recursos de prevención e sensibilización.
Roberto Barba fixo balance das últimas iniciativas impulsadas polo Goberno galego co obxectivo de chegar a máis poboación e a áreas nas que non había suficientes recursos destas características. Neste sentido, explicou a importancia dos Centros de Información á Muller (CIM) Móbiles que a Xunta puxo en marcha este mesmo ano para reforzar a prevención e sensibilización fronte a violencia de xénero no rural e nos campus universitarios.
A isto súmase, explicou Roberto Barba, as guías de recursos que o Goberno galego distribuíu en diferentes espazos para que as vítimas puidesen coñecer todos os procedementos, os lugares aos que acudir para recibir axuda ou asesoramento, así como os tipos de axudas aos que teñen dereito. A este respecto, lembrou que a Xunta tamén creou un documento específico para as mulleres con discapacidade, co obxectivo de que teñan á súa disposición toda a información que poidan precisar ante calquera manifestación de violencia contra elas.
Roberto Barba trasladou novamente ao Pleno o compromiso da Xunta coa loita contra a violencia de xénero e que se manifesta, recalcou, co reforzo das medidas implementadas ata o de agora, pero tamén con novas iniciativas e a través da colaboración interinstitucional, que é fundamental para seguir chegando a máis poboación.