O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero participou na xornada organizadas por ACCEM

A Xunta reafirma o seu compromiso coa protección das vítimas de trata a través de recursos e medidas específicas de protección

Roberto Barba explicou que se está executando xa o II Plan galego de trata, cun incremento do 30% na súa dotación económica con respecto ao anterior

Recordou que teñen á súa disposición un dos maiores programas de axudas, entre as que se inclúe a rede de casas de acollida

Aproveitou para poñer en valor o labor do tecido social que é fundamental para seguir impulsando iniciativas e achegando os servizos a quen máis o precisa

Lugo, 23 de setembro de 2026

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, participou na xornada Muller, trata e dereito ó asilo. Desafíos para unha protección con perspectiva de xénero e dereitos humanos, que organiza Accem. Durante a súa intervención, reafirmou o compromiso do Goberno galego coa protección das vítimas de trata, a través de recursos e medidas específicas.

O director xeral explicou que nestes momentos o Goberno galego está executando o II Plan galego contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual 2026-2029, que presenta un reforzo das medidas xa implantadas no anterior documento, así como un incremento dos recursos como a dotación económica, que aumentou un 30% o seu orzamento. Neste sentido, quixo recordar tamén que Galicia segue agardando que o Goberno central dea pasos adiante coa Lei de trata comprometida hai tres anos e que suporía dotar ás comunidades autónomas de máis medios para apoiar as políticas implantadas.

Nest sentido, Roberto Barba destacou que Galicia é unha das comunidades con mellor programa de medidas e que, ademais, garante por Lei que todas as mulleres vítimas de violencia sexual e de trata teñan a mesma protección e dereitos que as que sufriran violencia de xénero. Isto supón, explicou, que poidan beneficiarse de todas as medidas e recursos do Goberno galego.

Ademais, o director xeral recordou que a Xunta conta cunha rede de casas de acollida que ofrece unha solución habitacional a todas as mulleres vítimas de violencia de xénero, así como aos seus fillos e fillas. Neste sentido, aproveitou o foro para poñer en valor o traballo que realizan as entidades sociais que xestionan estes centros e o resto do tecido asociativo que, como Accem, desenvolve un papel fundamental na protección das vítimas de trata e explotación sexual en toda Galicia e tamén proporcionando axuda a quen máis o precisa.

Data de actualización: 24/09/2026