A Xunta licita a contratación centralizada da subministración sucesiva de videobroncoscopios dun só uso con destino ás sete áreas sanitarias de Galicia cun investimento de 2,5 M€
Adquiriranse 73 videobroncoscopios flexibles dun só uso de diferentes tamaños, aos que hai que engadir o material funxible, como agullas de punción guiadas por ultrasóns, criosondas flexibles ou balóns ecobroncoscópicos
Trátase da primeira compra centralizada deste tipo de material, que suporá un aforro de máis de 264.000 euros anuais
As empresas interesadas neste procedemento teñen ata o 23 de outubro para presentar as súas ofertas
Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2026
A Xunta publica, hoxe, no Portal de Contratos Públicos de Galicia, a licitación, por un importe 2.578.542,40 euros, da subministración sucesiva de videobroncoscopios dun só uso e material funxible de ecobroncoscopia con destino ás sete áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde.
O contrato, que terá unha duración de dous anos, recolle unha posible prórroga de 36 meses. Neste caso, o seu valor estimado acada os 5.753.772,36 euros.
Trátase da primeira compra centralizada deste tipo de material, que suporá un aforro para os dous anos de contrato, coas posibles prórrogas, de preto de 264.328,39 euros anuais.
Con esta compra centralizada, a Xunta asegura o cumprimento dos principios de igualdade no acceso, equidade, calidade e sostibilidade económica en todas as áreas sanitarias deste tipo de material sanitario.
En total, a Xunta adquirirá 73 videobroncoscopios flexibles dun só uso de diferentes tamaños, aos que hai que engadir o material funxible, entre o que se atopan agullas de punción guiadas por ultrasóns, criosondas flexibles ou balóns ecobroncoscópicos.
As empresas interesadas neste procedemento teñen ata o 23 de outubro para presentar as súas ofertas.
Exploración diagnóstica e terapéutica
A exploración e a abordaxe diagnóstica ou terapéutica da vía aérea realízase habitualmente mediante broncoscopia flexible, utilizando equipos reutilizables, que requiren procesos de limpeza, desinfección de alto nivel e reprocesamento entre pacientes.
Con todo, en determinadas contornas asistenciais, como as unidades de coidados intensivos, urxencias ou situacións con elevado risco de contaminación cruzada, resulta especialmente útil dispoñer de broncoscopios flexibles dun só uso.
A dispoñibilidade de broncoscopios flexibles dun só uso, mediante a súa conexión a unha pantalla de vídeo portátil, permite realizar a exploración diagnóstica e terapéutica á beira da cama do paciente. Isto resulta especialmente útil en situacións nas que o traslado do paciente non é posible ou non está recomendado.
Estes dispositivos permiten garantir a dispoñibilidade inmediata do equipamento, evitar os tempos asociados ao reprocesamento e reducir o risco de transmisión de infeccións, constituíndo unha alternativa eficiente e segura para a realización de procedementos diagnósticos e terapéuticos sobre a vía aérea.