A Xunta participa na recepción á delegación ucraína de Zakarpatia con motivo da súa visita a Galicia
Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe na recepción feita no Parlamento de Galicia á delegación institucional da rexión ucraína de Zakarpatia, no marco do programa europeo TIPS4UA (Training and Internship Program Support for Ukrainian Municipalities). Trátase dunha iniciativa europea orientada ao intercambio de coñecemento entre administracións que, ao mesmo tempo, aposta polo reforzo das capacidades das autoridades locais e rexionais ucraínas e fomenta a cooperación institucional e o apoio ao proceso de recuperación e reconstrución do país.
A delegación está integrada por representantes da administración rexional, responsables municipais e especialistas en desenvolvemento económico, cooperación internacional e xestión de proxectos de Zakarpatia. Entre eles, o vicepresidente primeiro do Consello Rexional, o director do Departamento de Desenvolvemento Económico e Rexional e o responsable da Oficina Rexional de U-LEAD with Europe en Zakarpatia. A representación municipal inclúe os alcaldes de Dovhe, Kolochava e Yasinia, así como responsables de proxectos, economía e cooperación internacional dos respectivos concellos.