A conselleira de Política Social e Igualdade responde a unha interpelación no Pleno
Fabiola García destaca que Galicia é a comunidade con mellores políticas de conciliación e corresponsabilidade
Explica que o obxectivo principal do Bono Concilia Familia é dar prioridade ás familias nas que os dous proxenitores traballan no momento en que os fillos acoden a un recurso de conciliación durante épocas non lectivas
Lembra que a Xunta tamén destina máis de 7M€ do Plan Corresponsables a financiar actividades organizadas polos concellos
Santiago de Compostela, 23 de setembro do 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, puxo en valor esta mañá que Galicia é a comunidade con mellores políticas de conciliación e corresponsabilidade. Así o destacou no Pleno do Parlamento, onde lembrou a importancia de medidas como o Bono Concilia Familia, que dá prioridade ás familias nas que os dous proxenitores traballan no momento en que os fillos acoden a un recurso de conciliación durante as épocas non lectivas.
Na súa intervención, Fabiola García detallou as medidas que a Xunta de Galicia ofrece ás familias, como a oferta de campamentos de verán ou o Plan Corresponsables, con máis de 7M€ para financiar as actividades de conciliación organizadas polos concellos “e que a Xunta mantivo pese ao recorte de financiamento do Goberno central”, explicou
Sobre o Bono Concilia Familia, lembrou que a Xunta destina 2,6M€ de fondos propios a financiar esta axuda, que en 2025 chegou a 15.000 familias. Ademais, a conselleira de Política Social e Igualdade explicou que o obxectivo deste bono é priorizar a aquelas familias que non poden acceder a un recurso público de conciliación. Así, fixo fincapé en que “a prioridade é que o 100% das familias que reciben esta axuda para etapas non lectivas sexan familias nas que o pai e a nai traballan”.
Deste xeito, lembrou que a través do Bono Concilia Familia as familias poden recibir ata 500 euros para sufragar os custos dun servizo de coidado no domicilio ou ata 200 euros por fillo naqueles casos nos que se acuda a un servizo especializado como as ludotecas, campamentos ou actividades de conciliación.
Por último, asegurou que tamén existen medidas de conciliación para os máis pequenos. Nesta liña, lembrou a gratuidade das escolas infantís 0-3, que a Xunta financia con 68M€, sen achega do Goberno central, “pese a estar comprometida”, denunciou.