A Xunta demanda ao concello de Santiago información sobre a súa capacidade de tratamento da auga ante episodios excepcionais
Nun contexto marcado polo vertido orixinado en Tordoia, Augas de Galicia insta ao Goberno local e á xestora da potabilizadora a actualizar e concretar os valores límite de amonio cos que pode garantir a potabilización da auga que capta
Tamén pide que explique por que considera que os niveis de concentración no Tambre limitan a capacidade da instalación cando son moi inferiores aos valores establecidos na normativa vixente e aos historicamente fixados para tratar este tipo de augas
Lembra tamén que asegurar a captación, o tratamento, as reservas de auga potable e, de ser necesario, os sistemas alternativos para garantir a continuidade e a seguridade do subministro á poboación son competencias municipais
Augas de Galicia seguirá mantendo o operativo de contención nas canles fluviais e compartindo información sobre a evolución da afección, que segundo os últimos resultados analíticos segue reducíndose tanto nas barreiras como augas abaixo
Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2026
A Xunta de Galicia dirixiuse ao Concello de Santiago para demandar información completa e actualizada sobre a capacidade real de tratamento da ETAP municipal ante episodios excepcionais e nun contexto marcado polo vertido provocado a semana pasada pola rotura dunha balsa de xurros nunha granxa de Tordoia.
Nunha carta remitida ao Concello de Santiago e tendo en conta a evolución do episodio —que nas últimas horas alcanzou a canle do río Tambre no punto en que se une co Lengüelle—, o director de Augas de Galicia, Roi Fernández, considera necesario poder actualizar e concretar, o antes posible, os parámetros de funcionamento que ten a estación potabilizadora municipal ante a situación actual e os futuros escenarios posibles.
Tras sinalar que as actuacións de retención, retirada e redución da carga contaminante coordinadas por Augas de Galicia —xunto co proceso natural do propio río— permitiron diminuír xa de forma moi significativa as concentracións de amonio nas masas afectadas, explica que, ante un episodio destas características, resulta conveniente coñecer con precisión os parámetros cos que opera o sistema municipal de abastecemento.
Por iso, solicita ao Goberno local e á empresa xestora da ETAP que actualicen e concreten os valores límite de amonio cos que poden garantir unha potabilización axeitada da auga que capta do río Tambre, así como as medidas de continxencia previstas en caso de ser necesario.
Na mesma liña e partindo da propia información que se lle trasladou nos últimos días a Augas de Galicia, pide que ao Concello que explique por que considera que os niveis de concentración actuais detectados no primeiro tramo afectado do Tambre (ao que o vertido chegou moi diluído e que está a varios quilómetros da captación) limitarían a capacidade da instalación potabilizadora, cando realmente son moi inferiores aos valores establecidos por lei e aos historicamente fixados para tratar este tipo de augas.
Neste sentido, o director de Augas de Galicia expón que se a entidade encargada da xestión da ETAP considera que non pode tratar de forma temporal auga bruta con niveis de amonio que permite a lei incluso para o consumo humano, necesita saber cales son as limitacións técnicas ou de funcionamento que llo impiden, xa que o Concello ten que garantir con esta infraestrutura valores de potabilización axeitados.
Por iso, reclama información específica sobre a concentración de amonio máxima coa que, na practica, a ETAP de Santiago pode tratar a auga que capta, tanto en condicións normais como nunha situación excepcional como esta. Ademais, tamén pregunta se a liña de tratamento da potabilizadora continúa plenamente operativa nestes momentos e, por último, que adaptacións ou medidas de reforzo poderían activar o Concello e a empresa xestora de inmediato, se fose necesario.
A afección evoluciona favorablemente
Cómpre lembrar que, de acordo co marco lexislativo vixente, asegurar que a captación, o tratamento, as reservas e, de ser necesario, os sistemas alternativos de subministro estean preparados para garantir a continuidade e seguridade do abastecemento son competencias municipais. Polo tanto, corresponde ao Concello e á entidade xestora da ETAP responder coas medidas axeitadas ante este tipo de episodios extraordinarios.
Pola súa parte, Augas de Galicia comprométese a manter o operativo de control, contención e limpeza despregado nas zonas afectadas e a seguir realizando un seguimento intensivo da afección, trasladando ao Concello, como fixo ata o de agora, os últimos datos sobre a evolución do vertido e os resultados analíticos dispoñibles.
Neste sentido, os últimos resultados analíticos dispoñibles nestes momentos confirman que a concentración de amonio nos puntos de control establecidos ao longo da canle fluvial segue reducíndose, tanto nas barreiras colocadas en diferentes puntos como tamén augas abaixo, xa superado o último dique de contención na ponte da Torre.