O conselleiro de Sanidade inaugurou esta tarde na Coruña o II Foro de Intelixencia Artificial para o Sistema de Saúde

Gómez Caamaño destaca o sólido ecosistema normativo, científico e tecnolóxico que sitúa Galicia á vangarda no emprego seguro da IA no ámbito sanitario

Remarca que a Xunta xa iniciou a tramitación da Lei de transformación dixital do sistema público de saúde co obxectivo de que estea aprobada o vindeiro ano

Continuará o camiño iniciado coa Lei galega de intelixencia artificial, aprobada en 2025 e que establece un marco para o uso responsable desta ferramenta de xeito

Explica que o Servizo Galego de Saúde xa superou o millón de imaxes médicas procesadas mediante IA en urxencias e atención primaria

Lembra que se están a desenvolver ferramentas para o cribado da retinopatía diabética, sistemas de apoio ao diagnóstico microbiolóxico e novos asistentes de intelixencia artificial xerativa, destinados a facilitar o acceso á información clínica

Refírese á futura fábrica europea de intelixencia artificial 1HealthAI, que acollerá o Centro de Supercomputación de Galicia, e que permitirá reforzar as capacidades de investigación e innovación nos ámbitos da saúde humana, animal e ambiental

A Coruña, 23 de setembro de 2026.- O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, puxo de relevancia hoxe, no II Foro de Intelixencia Artificial para o Sistema de Saúde, celebrado na Coruña, o sólido ecosistema normativo, científico e tecnolóxico que sitúa Galicia á vangarda no emprego seguro da intelixencia artificial (IA) no ámbito sanitario.

O titular da carteira sanitaria subliñou os esforzos da Xunta para aproveitar as oportunidades desta tecnoloxía, garantindo sempre un emprego seguro, ético e responsable. Un exemplo disto, tal e como sinalou, é a Lei galega de intelixencia artificial, aprobada en 2025, que establece un marco para o desenvolvemento e a utilización destas ferramentas baixo os principios de transparencia, protección de datos e supervisión humana.

No mesmo sentido, a Xunta xa iniciou a tramitación da Lei de transformación dixital do sistema público de saúde, que verá a luz previsiblemente en 2027 e abordará o emprego desta tecnoloxía nos procesos clínicos e a protección dos dereitos dos pacientes.

Gómez Caamaño apuntou que Galicia conta co Plan de Transformación e Saúde Dixital 2023-2026, dotado con 200 millóns de euros, que impulsa a modernización do sistema sanitario e a incorporación de novos recursos tecnolóxicos para mellorar a atención da poboación.

Ademais, destacou que o Centro de Supercomputación de Galicia acollerá a futura fábrica europea de intelixencia artificial 1HealthAI, cun investimento de 82 millóns de euros. Isto reforzará as capacidades de investigación e innovación nos ámbitos da saúde humana, animal e ambiental.

O máximo responsable da Sanidade galega aproveitou para explicar que o Servizo Galego de Saúde xa superou o millón de imaxes médicas procesadas mediante IA en urxencias e atención primaria.

Do mesmo xeito, recalcou que a Consellería está a incorporar novos algoritmos para apoiar aos profesionais na interpretación das probas diagnósticas, cunha capacidade prevista de análise próxima ás 1,8 millóns de imaxes anuais.

Igualmente, estanse a desenvolver ferramentas para o cribado da retinopatía diabética, sistemas de apoio ao diagnóstico microbiolóxico e novos asistentes de intelixencia artificial xerativa, destinados a facilitar o acceso á información clínica.

Para finalizar a súa intervención, o conselleiro insistiu en que, co emprego destas ferramentas, non se busca substituír o criterio clínico, senón proporcionar máis información, reducir tarefas administrativas e facilitar que os profesionais poidan dedicar máis tempo á asistencia.

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/09/2026