Os centros educativos contarán con acompañamento e formación para desenvolver os novos programas de reforzo da lectura e das matemáticas
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP explica ante o Consello Escolar de Galicia as medidas do novo Marco galego para o impulso educativo, aprobado este luns no Consello da Xunta
Sinala que se trata dunha estratexia, que se suma a un traballo de modernización feito nos últimos anos, para “reforzar aprendizaxes, especialmente a quen máis o precise, fomentar a cultura do esforzo e asentar unha mellora integral e continua do sistema”
Destaca que o ensino galego conta este curso con 900 docentes máis só na etapa de Secundaria, 150 deles especialistas en atención á diversidade
Indica que a nova Lei de educación dixital de Galicia é o eixo vertebral para dar resposta aos retos que plantexan nas aulas a tecnoloxía e a intelixencia artificial
Santiago de Compostela, 23 setembro de 2026
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vai dotar aos centros educativos de apoios específicos de acompañamento, formación e recursos materiais para desenvolver os novos programas de reforzo Avanza Lectura e Avanza Matemáticas, que se van poñer en marcha xa este curso na etapa de Primaria ao abeiro do novo Marco galego para o impulso educativo, aprobado este luns no Consello da Xunta.
O conselleiro Román Rodríguez, acompañado de altos cargos do seu departamento, reuniuse hoxe co Consello Escolar de Galicia para avaliar o inicio de curso escolar e dar conta das novas accións da Xunta enfocadas a “reforzar aprendizaxes apoiando a quen máis o precise, fomentar a cultura do esforzo e impulsar unha mellora integral e continua do sistema”, destacou. “Este marco é froito dun proceso previo de análise logo duns resultados de PISA que son consecuencia directa da aplicación da Lomloe, como xa viñamos advertindo de xeito reiterado”, explicou Román Rodríguez, que defendeu o traballo constante e continuo da Xunta por preservar a calidade do ensino e que agora se vai intensificar “sobre todo alí onde máis se precise”.
Segundo expuxo o titular de Educación, este marco, configurado como a folla de ruta para os próximos dous cursos no ámbito da aprendizaxe e o coñecemento, vén de sumarse á estratexia integral de mellora estrutural do sistema iniciado a partir de 2023 ao abeiro do acordo coas organizacións sindicais e que, na práctica, supuxo unha baixada das ratios, a ponderación do alumnado con necesidades para unha mellor atención á diversidade e a reconfiguración do horario do profesorado a favor de máis dedicación ao alumnado e ás familias. De feito, este curso cóntase con 900 docentes máis só na etapa de Secundaria, 150 deles especialistas en atención á diversidade, tal e como recordou.
Así mesmo, referiuse á nova Lei de educación dixital de Galicia, que onte iniciou o debate parlamentario, como o eixo vertebral para dar resposta aos novos retos ante o actual contexto tecnolóxico ante a intelixencia artificial.
Aprendizaxe das competencias básicas
No contexto actual, o conselleiro cualificou de “imprescindible” o impulso da aprendizaxe das competencias clave por parte dos alumnos e que estas se consoliden, especialmente, nas etapas máis temperás como é o caso de Primaria. Con este obxectivo, a Consellería vai poñer en marcha este curso o programa Avanza Lectura, focalizado para 3º e 4º de Primaria, “cursos desde os cales a actividade de ler se afiance como unha ferramenta transversal e de aprendizaxe global, que atinxe a todas as materias e non exclusivamente ás lingüísticas”, especificou Román Rodríguez.
No caso do Avanza Matemáticas, estará dirixido á toda a etapa de Primaria, para que os alumnos poidan consolidar coñecementos dunha maneira acumulativa ao largo de todo este período. Isto é, que os nenos asenten unhas bases sólidas de coñecemento e manexo dos principais conceptos matemáticos, de xeito que lles asegure unha progresión axeitada ao longo da etapa.
A aprendizaxe das competencias básicas reforzarase, ademais, coa posta en marcha tamén este curso, do novo Programa de reforzo educativo extraescolar para 6º de Primaria, dirixido a aqueles alumnos que presenten maiores dificultades. Trátase de asegurarlles unha progresión académica axeitada que lles facilite a transición á etapa de Secundaria.
Xa a partir do vindeiro curso, o Marco galego para o impulso educativo inclúe, entre outras accións, a implantación dunha nova materia obrigatoria de Lectura e Comprensión para 1º e 2º de ESO.
Voto telemático para as familias
Por outra parte, cómpre lembrar que neste curso xa se vai instaurar a votación en liña para que as familias poidan elixir aos seus representantes nos consellos escolares dos seus centros.
Trátase dunha medida coa que se busca facilitar e fomentar a participación das familias na elección dos seus representantes no consello escolar, ao tempo que favorece a conciliación, e que se fará explícita xa nos vindeiros meses, cando se proceda á renovación destes órganos de representación. Nese momento, quen o desexe, poderá exercer o voto telemático non presencial a través do espazo Abalar do seu centro.