Belén do Campo preside a Comisión Territorial de Coordinación na que se realizou un seguimento das actuacións do Goberno galego na provincia

A reunión permitiu facer balance da actividade da delegación nos primeiros nove meses do ano, con preto de 300 actos públicos organizados, e analizar os avances en ámbitos como a vivenda, as políticas sociais e a educación

A Coruña, 23 de setembro de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, presidiu a Comisión Territorial de Coordinación, un órgano de coordinación do traballos dos directores territoriais das distintas consellerías, co obxectivo de reforzar a coordinación institucional e facer seguimento das principais actuacións do Goberno galego na provincia.

Durante o encontro realizouse un balance a día de hoxe, período no que desde a Delegación Territorial se organizaron preto de 300 actos públicos. Ademais, analizáronse os ámbitos nos que se están a producir avances máis significativos na provincia, especialmente en materia de vivenda, política social e educación.

Vivenda Pública

No ámbito da vivenda, durante a reunión fíxose especial seguimento das iniciativas en marcha na provincia con especial incidencia nas cidades da Coruña e Santiago.

Na cidade da Coruña, a Xunta ten comprometidas actualmente 1.061 vivendas, cun investimento de 200 millóns de euros, para ampliar o parque público e facilitar o acceso a unha vivenda a prezos accesibles. En Xuxán hai 104 vivendas en obras e están previstas outras 99 en parcelas cedidas polo Concello, ademais de actuacións específicas para a mocidade, con 168 vivendas públicas, 150 aloxamentos compartidos e unha residencia universitaria de 150 prazas no campus de Elviña.

En Santiago de Compostela, a Xunta ten en marcha 400 novos fogares públicos en diferentes fases de execución. Entre as actuacións destacan as 60 vivendas de Lamas de Abade e O Castiñeiriño, as 36 previstas en Volta do Castro e as 244 de Salgueiriños, onde tamén se contempla unha residencia universitaria de 150 prazas.

Novas residencias de maiores

Outro dos asuntos abordados foi o novo proxecto de residencias de maiores, que permitirá crear 1.800 novas prazas a través de 25 novos centros. Esta actuación permitirá incrementar a oferta de prazas residenciais en Galicia e prevese que xere arredor dun milleiro de postos de traballo.

Tal e como explicou a delegada, están previstos 24 equipamentos repartidos en 12 lotes, cada un deles formado por unha residencia de máis de 100 prazas e por outra de menor tamaño, denominada residencia “satélite”, que se situará nun concello próximo co obxectivo de optimizar os recursos.

Estes 24 novos centros estarán distribuídos en concellos de menos de 25.000 habitantes que actualmente non dispoñen de prazas residenciais públicas para persoas dependentes de graos II e III, coa finalidade de ampliar a cobertura e achegar estes recursos á cidadanía.

Así, no ámbito da delegación da Coruña contará con sete novos centros. Na comarca das Mariñas Coruñesas está prevista a construción dunha residencia de 100 prazas en Oza-Cesuras e doutra de 30 prazas en Carral. Na zona Noia/Barbanza, o centro principal estaría no Porto do Son e o de menor tamaño en Outes. Na área de Bergantiños/Costa da Morte, Carnota sería a localización da residencia principal e Cabana de Bergantiños a elixida para a de menor envergadura.

26 millóns para a mellora dos centros educativos da Coruña

A Comisión Territorial tamén fixo seguimento do compromiso da Xunta coas instalacións educativas da cidade da Coruña. Neste sentido, a actuación no Colexio Plurilingüe de Prácticas, que suporá un investimento de 2 millóns de euros recentemente anunciada, eleva a 26 millóns de euros o investimento do Goberno galego, ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica, na reforma e mellora de arredor de 40 colexios e institutos da cidade.

Actualmente están en execución catro obras de gran envergadura no Centro Integrado de FP Imaxe e Son, no IES Ramón Menéndez Pidal, no Centro Integrado de FP Ánxel Casal e no Colexio Sal Lence, que suman un investimento total de case 4,6 millóns de euros. Todas estas actuacións compatibilízanse coa actividade lectiva, aplicando as correspondentes medidas de seguridade e seguindo os criterios técnicos establecidos.

Ademais, a Consellería de Educación executou durante o período estival diferentes actuacións de pequena e mediana envergadura ao abeiro do Plan de benestar e accesibilidade na escola. Na cidade da Coruña desenvolvéronse obras en 13 centros educativos, cun investimento superior aos 170.000 euros.

Seguimento das axudas en marcha

Durante a reunión tamén se realizou un seguimento das liñas de axudas actualmente abertas pola Xunta de Galicia, así como das que está previsto que se convoquen proximamente. O obxectivo é coñecer o seu grao de execución, impulsar a súa difusión e facilitar que cidadáns, empresas, concellos e entidades da provincia poidan beneficiarse destas medidas.

A Comisión Territorial de Coordinación continuará reuníndose periodicamente para garantir unha maior coordinación entre as distintas áreas da Administración autonómica e reforzar o impulso das actuacións consideradas prioritarias na provincia da Coruña.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/09/2026