A Xunta licita por máis de 85.000 € a redacción do proxecto básico e de execución e dirección de obra das actuacións de mellora enerxética no Hospital Gil Casares de Santiago de Compostela

O contrato responde á necesidade de cumprir a normativa europea de carbonización, reducir o impacto ambiental, optimizar o gasto en subministracións e garantir o confort dos usuarios

As empresas interesadas neste procedemento teñen ata o vindeiro 14 de outubro para presentar as súas ofertas

Con esta actuación, o Servizo Galego de Saúde reafirma o seu compromiso co avance na mellora enerxética, polo que xa foi recoñecido nos Premios á Acción Climática 2025

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2026

A Xunta publica no Portal de Contratos Públicos de Galicia, a licitación, por un importe de 85.721,43 euros, da redacción do proxecto básico e de execución e dirección de obra de actuacións de mellora enerxética no Hospital Gil Casares do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.

Esta contratación responde á necesidade de cumprir coa normativa europea de descarbonización, reducir o impacto ambiental, optimizar o gasto en subministracións e garantir o confort dos usuarios da área de referencia.

A actuación de mellora prevé diversas medidas de eficiencia enerxética no edificio, como o illamento de fachadas mediante SATE, a substitución de fiestras e portas exteriores por novas carpinterías de aluminio con rotura de ponte térmico e vidros dobres, a renovación das cubertas, un novo sistema de iluminación LED e a instalación de bombas de calor.

As empresas interesadas neste procedemento teñen ata o vindeiro 14 de outubro para presentar as súas ofertas.

Melloras enerxéticas adoptadas

Con esta actuación, o Servizo Galego de Saúde reafirma o seu compromiso co avance na mellora enerxética, polo que xa foi recoñecido en varias ocasión, a última, nos Premios á Acción Climática 2025, un certame organizado no marco do Desafío Climático da Atención Sanitaria.

Este programa global promovido pola organización Health Care Without Harm e a rede de Hospitais Globais Verdes e Saudables distingue a aquelas institucións sanitarias que lideran o camiño cara a unha atención médica máis sostible e respectuosa co medio ambiente.

Na última edición, a área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza obtivo un triplo recoñecemento en función do seu grao de cumprimento de estratexia ambiental logrando a categoría Ouro en Mitigación, polos seus esforzos na redución activa de emisións; a categoría Ouro en Liderado Climático, polo seu papel tractor e compromiso institucional; e a categoría Prata en Resiliencia Climática, pola preparación das súas infraestruturas fronte aos impactos do cambio climático.

Estes galardóns son un recoñecemento ás medidas adoptadas no Complexo Hospitalario Universitario santiagués, como a substitución do gasóleo por electricidade e gas na práctica totalidade, a iluminación fluorescente por LED, ou dispositivos de control de luz.

Así mesmo, no Hospital da Barbanza colocouse unha planta de biomasa e outra fotovoltaica e nos centros de saúde estase a desenvolver un plan de infraestruturas para a mellora de envolventes, cubertas e substitución de caldeiras, entre outras medidas.

Data de actualización: 24/09/2026