A Xunta licita por máis de 3,1 M€ a subministración de oito novos equipos de mamografía para reforzar o programa de detección precoz do cancro de mama

O novos mamógrafos terán como destino seis hospitais comarcais do Servizo Galego de Saúde, o Hospital Abente y Lago da Coruña e o Hospital Meixoeiro de Vigo

Dotados con imaxe dixital de alta resolución e tecnoloxía dixital 3D, estes dispositivos ampliarán a capacidade diagnóstica do sistema sanitario público galego ao tempo que achegarán unha maior precisión na detección dos tumores

As empresas interesadas neste procedemento teñen ata o vindeiro 23 de outubro para presentar as súas ofertas

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2026

A Xunta, vén de publicar no Portal de Contratos de Galicia, a licitación de oitos novos equipos de mamografía, por un importe de 3.146.000 euros. Con este equipamento, o Executivo galego reforzará a capacidade de diagnóstico do Programa galego de detección precoz do cancro de mama. 

Os novos equipos de mamográficos terán como destino seis hospitais comarcais da rede sanitaria pública galega. En concreto, instalaranse nos hospitais públicos de Cee, Barbanza, A Mariña, Verín, Valdeorras e Salnés. Así mesmo, substituiranse os equipos do Hospital Abente e Lago (A Coruña) e do Hospital Meixoeiro de Vigo.

A tomosíntese mamaria (TS ou mamografía 3D) constitúe unha técnica avanzada de diagnóstico por imaxe que permite obter unha reconstrución tridimensional da mama mediante a adquisición de múltiples imaxes de raios X desde distintos ángulos.

Así, a diferenza da mamografía dixital convencional (2D), que proporciona unha imaxe plana susceptible de verse afectada pola superposición de tecidos, a tomosíntese xera imaxes en capas finas que facilitan a visualización do tecido mamario, mellorando a precisión diagnóstica, especialmente en mamas densas.

Entre as principais vantaxes que ofrece esta tecnoloxía destacan: unha maior precisión diagnóstica en mamas densas, ao reducir o efecto da superposición de tecidos; a diminución de falsos positivos, reducindo a necesidade de repetir mamografías ou realizar biopsias innecesarias; e unha maior precisión na detección precoz do cancro de mama, ao facilitar a identificación de lesións e tumores de pequeno tamaño.

As empresas interesadas neste procedemento teñen ata o vindeiro 23 de outubro para presentar as súas ofertas.

Data de actualización: 24/09/2026