O conselleiro de Sanidade, acompañado da delegada territorial da Xunta, do director xeral de Integración e Innovación Asistencial do Sergas, e do xerente da área sanitaria, visitou o novo dispositivo asistencial

Gómez Caamaño avanza a posta en servizo o luns do Hospital de Día Médico do Álvaro Cunqueiro para evitar ingresos e aliviar as urxencias cun investimento da Xunta de 1,2 M€

Sinala que o novo servizo permitirá ampliar entre un 20 e un 25 % a capacidade  do hospital de día oncohematolóxico, ofrecendo unha alternativa á hospitalización convencional a outro tipo de pacientes complexos

Apunta que busca reducir os ingresos evitables, facilitar altas máis precoces, mellorar a continuidade asistencial e dar unha resposta máis áxil aos pacientes con enfermidades crónicas ou complexas

Ocupa máis de 400 m² e conta con seis boxes individuais, tres salas de tratamento, dúas consultas médicas e unha consulta de enfermería

Os servizos máis directamente vinculados ao Hospital de Día Médico son os de Dixestivo, Medicina Interna, Pneumoloxía e Neuroloxía

O novo recurso asistencial traballará de xeito coordinado co hospital de día do Meixoeiro

Vigo, 24 de setembro de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou hoxe a posta en servizo, o vindeiro luns, do novo Hospital de Día de Procesos Médicos do Álvaro Cunqueiro para evitar ingresos e aliviar as urxencias grazas a un investimento da Xunta de 1,2 millóns de euros.

Na súa visita á instalación sanitaria, o titular de Sanidade estivo acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, do director xeral de Integración e Innovación Asistencial do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva, e do xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente.

Situado no andar -1 do Álvaro Cunqueiro, este dispositivo ocupa máis de 400 m² e conta con seis boxes individuais, tres salas de tratamento (dúas con dez cadeiras e unha con tres camas), dúas consultas médicas e unha consulta de enfermería.

O máximo responsable do Servizo Galego de Saúde explicou que o novo Hospital de Día de Procesos Médicos ten un importante valor estratéxico, xa que permite ampliar a capacidade asistencial do centro hospitalario a moitos niveis, ofrecendo unha alternativa á hospitalización convencional.

Con este novo recurso asistencial, respóndese a unha dobre necesidade. Por unha banda, gañar capacidade no hospital de día oncohematolóxico, que poderá incrementar entre un 20 e un 25 % os tratamentos. Por outra, dar unha resposta ao crecente número de pacientes complexos, con necesidades de atención que non requiren un ingreso hospitalario convencional pero tampouco se poden resolver no eido ambulatorio.

Así mesmo, permitirá atender a determinadas descompensacións de pacientes crónicos, facer seguimento tras unha alta hospitalaria, ou establecer circuítos rápidos para pacientes xa coñecidos polo sistema.

Resposta máis áxil para os pacientes

Gómez Caamaño subliñou que, con este novo Hospital de Día de Procesos Médicos, o Sergas busca reducir os ingresos evitables, facilitar altas máis precoces, mellorar a continuidade asistencial e dar unha resposta máis áxil aos pacientes con enfermidades crónicas ou complexas. 

Do mesmo xeito, permitirá a redución dos ingresos no hospital e a súa duración, ademais de aliviar as urxencias, o que facilitará a xestión dos servizos hospitalarios e evitará os desprazamentos innecesarios dos doentes entre distintos dispositivos, así como a axilización da atención e unha atención máis ordenada e coordinada.

O máximo responsable do Servizo Galego de Saúde incidiu en que este recurso asistencial serve de ponte entre a hospitalización, as consultas externas, a atención primaria e outros recursos asistenciais.

Ademais, contará cunha enfermeira xestora de casos, que coordinará pacientes, axendas e servizos e facilitará a continuidade dos coidados, especialmente nos pacientes máis complexos.

Igualmente, o persoal médico garantirá a valoración e o seguimento clínico dos pacientes, a indicación, a prescrición e axuste dos tratamentos e a atención das incidencias médicas, mediante a presenza programada no Hospital de Día de Procesos Médicos e con médicos de referencia das distintas especialidades.

Os servizos máis directamente vinculados ao Hospital de Día de Procesos Médicos son os de dixestivo, medicina interna, pneumoloxía e neuroloxía, aínda que dá resposta ao resto de especialidades en función das súas necesidades.

Para finalizar a súa intervención, o conselleiro sinalou que este dispositivo se concibe como un recurso transversal de todo o hospital, que se organizará arredor das necesidades do paciente e que traballará de xeito coordinado co hospital de día do Meixoeiro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/09/2026