Educación reforzará o liderado pedagóxico e o acompañamento aos directores dos centros para impulsar o desempeño das súas funcións

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP reúnese coa Xunta Autonómica de Directores para presentarlles o novo Marco galego para o impulso educativo, no que se enmarca esta medida vinculada á función directiva

Entre as accións contempladas nesta estratexia integral destaca o reforzo da figura do profesorado, facendo fincapé na mellora da formación inicial, máis conectada coa práctica docente; o apoio na fase de prácticas e o acompañamento aos profesores noveles nos primeiros anos de exercicio

Dentro deste eixe estratéxico tamén se inclúe a inminente posta en funcionamento da Oficina de apoio ao profesorado como servizo de referencia a través da cal se canalizarán todas as cuestións relativas ao seu ámbito profesional

A Consellería organizará grupos de traballo para concretar o desenvolvemento das distintas medidas recollidas no Marco

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado de altos cargos do seu departamento, reuniuse hoxe coa Xunta Autonómica de Directores para presentarlles o novo Marco galego para o impulso educativo, que abrangue medidas para o reforzo das competencias básicas de lectura e matemáticas, o impulso da igualdade de oportunidades e o apoio ao profesorado no seu labor docente, entre outras. Precisamente, neste último eixe inclúese o reforzo do liderado pedagóxico e o acompañamento aos directores dos centros para impulsar o desempeño das súas funcións. Ademais, avanzoulles que se organizarán grupos de traballo para concretar o desenvolvemento das diferentes medidas do Marco.

Román Rodríguez explicou que se busca avanzar cara unha maior profesionalización da función directiva nos centros escolares co obxectivo de que os directores poidan exercer un mellor desempeño das súas tarefas cun maior impulso, o que redundará nun beneficio “para o conxunto do sistema educativo”.

Modelo de desenvolvemento profesional continuo

Para iso proponse unha evolución do actual modelo de mentorización das persoas que acceden á dirección, que camiñe cara o desenvolvemento profesional continuo dos equipos directivos. O novo modelo apoiarase na mentorización por parte de direccións de referencia xunto coa formación especializada, o intercambio de prácticas e o acompañamento ao longo do exercicio da función directiva.

Tamén se potenciará, especialmente, o seu liderado pedagóxico e a súa capacidade para identificar necesidades, establecer prioridades, impulsar a mellora dos procesos de ensino e aprendizaxe e mobilizar os equipos docentes arredor de obxectivos compartidos.

Eixe específico de impulso ao profesorado

O Marco galego para o impulso educativo inclúe cinco liñas estratéxicas de actuación que se centran no reforzo das competencias básicas, a mellora continua, a igualdade de oportunidades, os novos retos de tecnolóxicos e de dixitalización e a figura do profesorado. Dentro deste último inclúense accións concretas para o reforzo da carreira profesional docente no marco da capacidade de actuación da Xunta. En todo caso, séguese reclamando unha actualización ambiciosa por parte do Goberno central sobre a carreira docente, tanto no ámbito da formación como de acceso á profesión. En Galicia, desde o punto de vista formativo, incidirase nunha mellor conexión entre a formación inicial que reciben durante a súa etapa universitaria e as esixencias da práctica docente na aula, para o cal se traballará da man das universidades neste eido, como se vén facendo nos últimos anos.

Por outra parte, tamén se prestará especial atención aos profesores en prácticas e aos noveles. No caso dos docentes en prácticas, logo de superar o proceso selectivo, a Consellería reforzará o acompañamento por parte de profesorado experimentado e teranse en conta aspectos como a observación da práctica na aula, a capacidade de planificar labores ou a atención ao alumnado con necesidades.

No que atinxe aos docentes noveles, deseñaráselles un itinerario específico durante os primeiros anos de exercicio. Trátase de que este profesorado dispoña, desde o inicio, das ferramentas necesarias para consolidar unha práctica docente eficaz, con especial atención ao ensino das competencias básicas, a avaliación, a atención á diversidade e a xestión na aula. Este programa combinará formación específica, mentorización por parte de profesorado experimentado, observación e intercambio de prácticas e reflexión sobre a propia actividade docente.

Por outra parte, está a piques de entrar en funcionamento a Oficina de apoio ao profesorado, un servizo de nova creación que centrará a atención integral aos profesionais docentes, como acompañamento, asesoramento, orientación, apoio e asistencia xurídica, cando sexa necesario.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/09/2026