O presidente da Xunta participou en Madrid no Forbes Economic Summit 2026

Rueda destaca a estabilidade política e económica e o seu potencial de futuro como contribución de Galicia á mellora global

Sinala que “a estabilidade permítenos dedicarnos a cumprir coas obrigas que os cidadáns nos encomendan”

Apunta que a Comunidade conta cos recursos naturais que “van sustentar as industrias do futuro” e lembra que “o maior fabricante de coches de China acaba de apostar por Galicia”

Lembra que a través da Estratexia Galicia Retorna se contribúe de forma ordenada ao reto que supoñen a evolución demográfica e a remuda xeracional no tecido empresarial

Madrid, 24 de setembro de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe en Madrid a estabilidade política e económica e o seu potencial de futuro como principais contribucións de Galicia á mellora global de España. O responsable do Executivo autonómico asistiu ao Forbes Economic Summit 2026, no que participou xunto á presidenta das Illas Baleares, Marga Prohens, no diálogo España, á altura do seu futuro: o progreso dos territorios. Neste marco, subliñou que desde Galicia, sen perder a identidade, “construímos o conxunto e a construción do conxunto aféctanos”.

Na súa intervención, Rueda lembrou os bos datos de crecemento, de emprego e de débeda pública nos que se sustenta a economía galega, sinalando que “a estabilidade permítenos dedicarnos a cumprir coas obrigas que os cidadáns nos encomendan”.

No eido das posibilidades de futuro, fixo fincapé na situación xeoestratéxica de Galicia e os recursos naturais, que, segundo dixo, “van sustentar as industrias do futuro, industrias verdes que xa non teñen volta atrás”, en convivencia cos sectores tradicionais.

“Estamos traballando nestes momentos con proxectos industriais con moitísima capacidade, desde a sustentabilidade”, apuntou Rueda. O presidente lembrou que o lema Galicia Calidade identifica a unha comunidade que conta con grandes compañías que actúan como buques insignia por todo o mundo, lembrando do mesmo xeito “que o maior fabricante de coches de China acaba de apostar por Galicia”.

No tocante á evolución demográfica, o presidente do Goberno galego sinalou o reto que supón a remuda xeracional, coa demanda de traballadores en sectores como o industrial. Rueda, que lembrou que nos últimos anos a Comunidade está gañando poboación, apuntou que a través da Estratexia  Galicia Retorna se están traendo “de forma ordenada para que se establezan en Galicia”  descendentes de emigrantes galegos.

O presidente autonómico, que lembrou que “fomos un pobo emigrante, e ninguén mellor que un galego sabe o que é saír”, incidiu en que a situación dos menores migrantes hai que abordala “da mellor forma posible e coa maior humanidade”, denunciando a falta de coordinación e de financiamento por parte do Goberno central.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/09/2026