Belén do Campo anima aos establementos turísticos a solicitar as axudas da Xunta de 9 M€ para a mellora da eficiencia enerxética dos seus establecementos

A delegada da Xunta informou que os establecementos interesados poden solicitar as axudas desta convocatoria ata o 7 de decembro deste ano agás que se esgote antes o crédito

Dumbría  (A Coruña), 24 de setembro de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, desprazouse esta mañá ata o hotel Mar do Ézaro e ata o hostal A Pedra, dous dos establecementos beneficiarios das axudas destinadas a impulsar a mellora da eficiencia enerxética no sector turístico. Durante a visita, anunciou que está aberta unha nova convocatoria destas subvencións, que conta cun orzamento global de 9 millóns de euros para os exercicios 2026 e 2027.

Esta nova liña dá continuidade a un programa de 2024-2025, ano no que se mobilizaron máis de 11 millóns de euros para financiar actuacións de mellora da eficiencia enerxética en establecementos turísticos. Nesta convocatoria na provincia da Coruña recibiron estas achegas 45 establecementos por un importe de case 3,3 millóns de euros e concretamente na comarca de Bergantiños-Costa da Morte recibiron estos apoios ademais de Mar de Ézaro e hostal a Pedra en Dumbría, Casa Jesús en Cee, Casa Vilaverde en Coristanco e hotel Mar de Ardora Natureza e Praia en Fisterra..

Desde 2022, a Xunta de Galicia leva destinado máis de 14 millóns de euros a este tipo de actuacións, permitindo chegar a máis de 200 negocios turísticos, aos que se incorporarán agora os novos beneficiarios desta convocatoria.

No transcurso das visitas, a delegada destacou que o Mar do Ézaro recibiu unha subvención de máis de 26.000, o ano pasado. Pola súa banda a pensión a Pedra, recibiu outra achega de case 26.000 euros. En ambos casos as obras consisitiron na instalación dun sistema de paneis fotovoltaicos, o principal obxectivo destas intervencións foi reducir o consumo de enerxía convencional no establecemento mediante o aproveitamento da enerxía solar fotovoltaica para a produción de electricidade, contribuíndo así á mellora da eficiencia enerxética e ao impulso do uso de fontes renovables. Con estas intervencións a enerxía eléctrica consumida con respecto á enerxía anual xerada polas instalacións supera o 80 % establecido como requisito, permitindo avanzar na redución do consumo procedente de fontes convencionais

No caso concreto do Mar do Ézaro, a obra consistiu na colocación dun total de 20 paneis fotovoltaicos que permiten acadar un aforro de enerxía primaria non renovable do 33,5 %, por riba do 30 % establecido como referencia. Este establecemento tamén recibiu unha axuda de máis de 17.000€ da Orde para modernización de aloxamentos e restaurante de Turismo de Galicia.

Na pensión A Pedra a actuación permite acadar un aforro de enerxía primaria non renovable de preto do 40% tamén por riba do 30% establecido como referencia.

Durante a visita, Belén do Campo puxo en valor o esforzo do sector hostaleiro por avanzar na modernización e eficiencia das súas instalacións, incorporando solucións tecnolóxicas que permiten optimizar o consumo enerxético e mellorar o confort dos usuarios.

A representante do Goberno autonómico sinalou que estas medidas evidencian que “a Xunta reforza o seu compromiso cun modelo turístico máis competitivo, innovador e respectuoso co medio ambiente, promovendo a redución do consumo enerxético no sector e impulsando o uso de enerxías renovables”. Neste sentido, subliñou que “Turismo de Galicia aposta por un sector turístico máis eficiente e sostible, co obxectivo de reducir a pegada de carbono no sector turístico”.

Nova convocatoria

A nova orde de axudas dispón dun orzamento de 9 millóns de euros para apoiar a execución de actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas. Deste importe, 900.000 euros corresponden á anualidade de 2026 e 8,1 millóns de euros á de 2027.

Poden acceder a estas subvencións as persoas físicas e xurídicas que teñan a consideración de pemes e sexan titulares de establecementos turísticos de aloxamento e restauración, agás as excepcións recollidas nas bases da convocatoria.

Os proxectos que se presenten deberán ter un carácter integral e incluír, como mínimo, dúas actuacións de eficiencia enerxética, xunto cunha ou máis actuacións ou investimentos relacionados co aproveitamento das enerxías renovables nos establecementos de aloxamento e restauración.

Entre as intervencións que poden recibir financiamento atópanse a mellora da envolvente dos edificios, a substitución ou renovación dos sistemas de iluminación por outros máis eficientes, así como a instalación de solucións baseadas en enerxía solar térmica, xeotermia, biomasa, aerotermia ou hidrotermia, ademais de sistemas fotovoltaicos destinados ao autoconsumo.

As solicitudes que se están presentando dentro do prazo e cumpran os requisitos establecidos nas bases serán tramitadas e resoltas por orde de entrada no rexistro. O período para presentar as solicitudes é de tres meses, iniciouse o luns 7 de setembro, permanecendo aberto ata as 20.00 horas do 7 de decembro de 2026, salvo que o crédito dispoñible se esgote con anterioridade. A intensidade da axuda dependerá do alcance do aforro acadado podendo chegar a un 50% e ata un 90%.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/09/2026