O director xeral de Integración e Innovación Asistencial do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva, compareceu no marco da Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento para detallar o plan estratéxico aprobado pola Xunta para o período 2026-2030
O Plan estratéxico de saúde mental da Xunta prevé duplicar as prazas de hospitalización infanto-xuvenil e un incremento dun 20 % nas de rehabilitación comunitaria
Crearanse novas unidades de hospitalización infanto-xuvenil na Coruña, Ferrol e Ourense, o que permitirá duplicar con creces as camas de hospitalización actuais
Actualmente en rehabilitación comunitaria existen máis de 1.400 prazas entre centros de rehabilitación psicosocial e laboral e pisos e unidades residenciais
Avanzarase na equidade ata contar con dispositivos de rehabilitación psiquiátrica hospitalaria nas setes áreas sanitarias
Afondarase na especialización estendendo programas monográficos e implantándoos en todas as áreas sanitarias, como os programas de primeiros episodios psicóticos e a atención ao trastorno límite da personalidade
O plan conta un investimento de 177 M€, superando en máis do dobre o orzamento do plan previo aprobado tras a pandemia
Reserva 52,7 M€ para incorporar 357 novos profesionais da saúde mental, case un 50 % máis que no plan anterior, e 12 millóns de euros para obras e equipamentos
Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2026
O director xeral de Integración e Innovación Asistencial do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva, salientou como medidas destacadas do Plan estratéxico de saúde mental de Galicia 2026-2030 a previsión de duplicar as prazas de hospitalización infanto-xuvenil e tamén o incremento dun 20 % nas prazas de rehabilitación comunitaria.
Así o indicou o director xeral hoxe na súa comparecencia, a petición propia, no marco da Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento, na cal agradeceu o labor dos profesionais implicados nos grupos de traballo que colaboraron no deseño do plan con arredor de 60 reunións.
Na súa intervención, Alfredo Silva subliñou a equidade no acceso aos recursos asistenciais en todas as áreas sanitarias como unha das principais metas do novo plan, cun investimento de 177 millóns de euros, que representan máis do dobre do orzamento do plan poscovid-19 2020-2024.
Así, comezando pola atención á infancia e á adolescencia, o Servizo Galego de Saúde creará novas unidades de hospitalización infanto-xuvenil na Coruña, Ferrol e Ourense, ata superar o dobre da capacidade actual. Realizaranse actuacións nos hospitais de día de Lugo e Pontevedra e, este mesmo ano, abrirase o hospital de día de Ferrol.
Tamén están previstas actuacións específicas na unidade infanto-xuvenil do Nicolás Peña e na hospitalización do resto da área de Vigo, onde xa a Xunta incrementou o número de camas ata ter case o dobre que en 2025.
Ademais dos propios recursos asistenciais materiais, o plan establece o avance en programas específicos de transición á vida adulta ata que, progresivamente, a atención infanto-xuvenil chega ata os 18 anos.
Atención ao trastorno mental grave
No Parlamento, o director xeral de Integración e Innovación Asistencial do Servizo Galego de Saúde trasladou a vontade de avanzar cara a un modelo máis comunitario na atención ao trastorno mental grave.
A día de hoxe, a sanidade pública conta con dispositivos de rehabilitación psiquiátrica hospitalaria de ámbito provincial, con unidades en Lugo, Ourense, Santiago e Vigo. Tal e como se recolle no plan, o compromiso é que exista cobertura por cada área sanitaria.
En rehabilitación comunitaria, incrementarase polo menos nun 20 % as prazas, tendo en conta que actualmente se parte de máis de 1.400 prazas entre centros de rehabilitación psicosocial e laboral, pisos e unidades residenciais.
Reforzaremos tamén os Equipos de Continuidade de Coidados para facer accesible este modelo desde o 100 % dos distritos sanitarios, ao tempo que se amplía a hospitalización a domicilio, máis alá das xa existentes en Santiago, A Coruña e Ourense.
“É unha transformación importante porque o obxectivo non é simplemente tratar unha enfermidade, senón favorecer a recuperación, a autonomía persoal, a integración social e laboral e a permanencia da persoa na súa contorna”, explicou Alfredo Silva.
Neste sentido, outra das seis liñas estratéxicas do plan afondará na especialización estendendo unidades e programas monográficos. Os programas de primeiros episodios psicóticos chegarán ás sete áreas. E o mesmo principio de equidade aplicarase ao trastorno límite da personalidade e ás patoloxías graves e refractarias.
“Queremos que cada área dispoña dunha resposta especializada e que existan protocolos e circuítos comúns, e implantándoos en todas as áreas sanitarias”, indicou o director xeral.
No caso dos trastornos da conduta alimentaria, Galicia conta actualmente coa unidade de referencia de Santiago. Como informou Alfredo Silva na súa comparecencia parlamentaria, o plan prevé crear unha segunda unidade de referencia, en Vigo, para casos de alta complexidade no sur de Galicia, ademais de estender programas específicos ás sete áreas sanitarias.
Ademais dos distintos programas e do investimento de 12 millóns de euro en obras de mellora e dotación de novo equipamento, o director xeral de Integración e Innovación Asistencial do Servizo Galego de Saúde resaltou as 357 novas prazas de profesionais da saúde mental.
Crearanse 124 novas prazas de facultativos especialistas de psiquiatría e psicoloxía clínica, máis de 100 profesionais de enfermería especialista en saúde mental, ademais de técnicos de coidados auxiliares de enfermería, traballadores sociais, terapeutas ocupacionais e persoal administrativo.
O investimento acumulado neste reforzo de profesionais supera os 52,7 millóns de euros, case un 50 % máis que na planificación previa ao Plan estratéxico de saúde mental de Galicia 2026-2030.