O conselleiro de Sanidade interveu na inauguración da xornada divulgativa organizada por AHOSGAL ‘Os hospitais, teñen futuro?’
Gómez Caamaño salienta a transformación dos hospitais galegos cara un modelo máis integrado, tecnolóxico, resolutivo, centrado en responder ás novas necesidades dos pacientes reducindo os ingresos
Galicia conta cun Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas e está a desenvolver proxectos pioneiros como Xenoma Galicia ou o IMPaCT-Xenómica, que apostan pola medicina personalizada
O Centro de Protonterapia de Galicia será o primeiro da sanidade pública en España e estará tratando os seus primeiros pacientes en poucos meses
O Sergas está a incorporar ferramentas de IA, automatización e análise avanzada de datos para apoiar a práctica clínica, mellorar os procesos asistenciais e reducir cargas administrativas
Os orzamentos deste ano destinan 3.598 M€ á atención hospitalaria e 210 M€ a grandes obras, equipamento e alta tecnoloxía
Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, salientou hoxe, na xornada divulgativa organizada por AHOSGAL Os hospitais, teñen futuro?, a transformación dos hospitais galegos cara a un modelo máis integrado, tecnolóxico, resolutivo, centrado en responder ás novas necesidades dos pacientes reducindo os ingresos.
A hospitalización a domicilio, os hospitais de día, a cirurxía ambulatoria ou o seguimento domiciliario permiten prestar atención hospitalaria noutras contornas e avanzar cara a unha rede máis integrada entre hospital, Atención Primaria e domicilio.
Así mesmo, a xenómica, a medicina personalizada, a cirurxía robótica, as terapias avanzadas ou a protonterapia xa forman parte tamén da transformación da sanidade pública galega.
Galicia conta cun Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas e está a desenvolver proxectos pioneiros como Xenoma Galicia ou o IMPaCT-Xenómica. Ademais, o Centro de Protonterapia de Galicia será o primeiro da sanidade pública de España e estará tratando aos seus primeiros pacientes en poucos meses.
O Servizo Galego de Saúde está a incorporar ferramentas de intelixencia artificial (IA), automatización e análise avanzada de datos para apoiar a práctica clínica, mellorar os procesos asistenciais e reducir cargas administrativas. Do mesmo xeito, está a desenvolver solucións de IA xerativa para apoiar a elaboración de informes, resumir información da historia clínica ou automatizar determinados procesos clínicos e administrativos, sempre coa validación dos profesionais.
A sanidade pública galega conta con preto de 49.000 profesionais, aos que se incorporan cada vez máis perfís vencellados á investigación, á enxeñería, á tecnoloxía ou á análise de datos, dentro de equipos máis multidisciplinares.
A rede hospitalaria pública galega está formada por 14 hospitais e complexos hospitalarios integrados nas sete áreas sanitarias. Os orzamentos deste ano, 2026, destinan 3.598 millóns de euros á atención hospitalaria, un 3,45 % máis que no exercicio anterior.
Ademais, destínanse 210 millóns de euros a grandes obras hospitalarias en execución e para melloras de mobiliario, equipamento e alta tecnoloxía. Dentro desta contía, 162,7 millóns está destinados especificamente á transformación das infraestruturas hospitalarias.
Un exemplo recente é o novo Hospital de Día de Procesos do Hospital Álvaro Cunqueiro, no que a Xunta investiu máis de 1,2 millóns de euros, destinado a ampliar a capacidade asistencial e ofrecer unha alternativa ao ingreso para tratamentos intravenosos e biolóxicos, transfusións, ferro ou antibióticos, entre outros.