A Xunta colabora co Concello de Boqueixón cunha axuda de máis de 31.400€ para mellorar o local social de Lestedo
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, comprobaron as actuacións realizadas ao abeiro da convocatoria do ano pasado da Orde de infraestruturas de uso público
O Goberno galego mantivo este exercicio o orzamento de 3,5M€ desta liña de axudas que permitirá levar a cabo máis dun cento de actuacións relacionadas coa creación e mellora de infraestruturas e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais
Boqueixón (A Coruña), 25 de setembro de 2026
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo comprobaron as melloras realizadas no local social de Lestedo, coas que a Xunta colaborou con máis de 31.400 euros a través da Orde de infraestruturas de uso público do ano pasado.
Este apoio, segundo explicou Natalia Prieto, contribuíu á execución das obras de conservación e arranxos previstos no local. Por unha parte, na planta baixa, mellorouse a insonorización, substituíronse as portas exteriores e algunhas ventás, mentres que na segunda planta cambiáronse varias carpintarías e colocouse un novo pavimento.
A directora xeral de Administración Local explicou que desta Orde de infraestruturas de uso público, que na convocatoria deste exercicio mantivo o orzamento de 3,5 millóns de euros, beneficiáronse 106 actuacións relacionadas coa creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación dos servizos municipais. Trátase dunha orde dirixida a concellos de menos de 30.000 habitantes para apoialos en actuacións en camiños, prazas, paseos e rúas, instalacións deportivas e outros edificios destinados á prestación de servizos municipais ou redes de alumeado público.
Segundo explicou Natalia Prieto, con medidas coma estas, o Goberno galego busca atender as necesidades das localidades de menor poboación, para garantir a mellor calidade na prestación de servizos municipais a toda a poboación galega, con independencia do lugar de residencia.
Deste xeito, lembrou que esta convocatoria enmárcase no compromiso da Xunta co municipalismo, que en 2026 acada unha cifra histórica de 670 millóns de euros destinados aos concellos a través das distintas consellerías, 30 millóns máis que no exercicio anterior.
No ámbito da Dirección Xeral de Administración Local, este esforzo tradúcese nun amplo catálogo de axudas, entre as que destacan neste 2026 os 3,5 millóns de euros desta Orde de infraestruturas de uso público, os 10 millóns de euros para proxectos municipais de carácter estratéxico, os máis de 11,4 millóns do Fondo de Compensación Ambiental ou os 3 millóns do Plan de Acción Comunitaria, así como a nova liña para a adquisición de maquinaria destinada á prevención de incendios forestais, dotada con un millón de euros e cofinanciada con fondos Feder. A elas súmase o Fondo de Cooperación Local, que chega a 187 millóns de euros, un 12% por riba de 2025.
Natalia Prieto indicou que o compromiso da Xunta coas entidades locais permitiu só o pasado ano impulsar preto dun milleiro de proxectos municipais financiados a través das distintas liñas de apoio e que supuxeron un investimento global de 37,5 millóns de euros. No caso de Boqueixón, a Administración autonómica destinou nos últimos anos máis de 1 millón de euros ao impulso de diversos proxectos.