A Xunta iniciará esta vindeira semana as obras de conservación e reforzo de firme nas autoestradas do Val Miñor (AG-57) e da Coruña-Carballo (AG-55)
Comeza a campaña de mellora de firmes que se realiza de xeito sistemático nesta dúas autoestradas, co obxectivo de garantir a calidade e a seguridade dos pavimentos
Este próximo luns 28 de setembro comezarán as obras na AG-57 (Vigo-Val Miñor) e o mércores día 30 na autoestrada AG-55 (A Coruña-Carballo)
O orzamento das actuacións nestas dúas autoestradas autonómicas acada os 520.000 €
As obras estarán debidamente sinalizadas e minimizarase a afección ao tráfico limitando os cortes a un de carril, agás, puntualmente, nos ramais nos que se actúa
Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2023
As obras correspondentes á campaña da Xunta de conservación e reforzo de firme nas autoestradas autonómicas AG-57 (Vigo-Val Miñor) e AG-55 (A Coruña-Carballo) comezarán esta vindeira semana.
Comezan así os traballos de conservación e mellora de firme que a concesionaria realiza de xeito sistemático nas dúas autoestradas co obxectivo de optimizar os recursos dispoñibles e garantir a calidade, seguridade e durabilidade dos firmes.
En concreto, este luns, día 28, comezarán as obras na autoestrada do Val Miñor e o mércores, día 30, iniciaranse na autoestrada A Coruña-Carballo.
A duración estimado dos traballos previstos é de 5 semanas no caso da AG-55 e de 2 semanas no caso da AG-57 e o desenvolvemento das obras estará condicionado polas condicións meteorolóxicas necesarias para a execución dos traballos coa calidade requirida.
O orzamento estimado desta campaña do 2026 acada, entre ambas as dúas autoestradas, un total de 520.000 euros.
As obras estarán debidamente sinalizadas e para minimizar a afección ao tráfico os cortes serán de carril, salvo puntualmente nos ramais nos que se actúa.
Autoestrada do Val Miñor
As actuación que se inician este luns na AG-57 permitirán actuacións de mellora estrutural en 7.648 m2, incluíndo unha campaña de selado de fisuras. A duración estimada dos traballos é de 2 semanas nesta autoestrada do Val Miñor
Os traballos consistirán en pequenas reparacións de deterioro estruturais e selado do firme no enlace da Ramallosa e no de Vincios e no tronco da peaxe Porto do Molle.
Para levar a cabo estes traballos, a noite do 28 a 29 de setembro cortarase o ramal de Vincios saída decrecente, a noite do 29 ao 30 de setembro cortarase o ramal de Ramallosa (saída decrecente) e a noite do 30 ao 1 de outubro cortarase o ramal Ramallosa (entrada crecente).
Autoestrada A Coruña- Carballo
En canto ás intervencións programadas na autoestrada A Coruña-Carballo, nesta campaña realizaranse actuación de mellora das características superficiais do firme en 45.880 m2 e obras que suporán melloras estruturais en 11.339 m2 da AG-55, Ademais de procederse a unha campaña de selado de fisuras. Neste caso os traballos previstos terán unha duración estimada de 5 semanas.
Entre os traballos a executar, inclúense, microalomerado en frío, actuacións de mellora da seguridade viaria, e traballos de mellora fronte deterioros superficiais, así como de reparación de deterioros estruturais e de selado do firme
Segundo a programación inicial deste traballos, que se inician o mércores día 30, a finais de outubro cortaranse de maneira secuencial os ramais nos enlaces da Grela e Sabón.
O resto de traballos no ramal exterior de Sabón realizaranse mediante paso alternativo de tráfico regulado por semáforos ou sinalistas en horario nocturno.