Un total de 686 estudantes de Bacharelato e FP gozan dunha praza gratuíta ou bonificada nos centros residenciais de educación neste curso

A Consellería vén de publicar as listaxes definitivas de admitidos nestes centros, que facilitan a residencia fóra do seu fogar ao alumnado

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2026

Un total de 686 estudantes de Bacharelato e FP gozan dunha praza gratuíta ou bonificada nos centros residenciais docentes dependentes da Xunta este curso 2026/27, que se localizan en Culleredo, Ourense e Vigo.

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vén de publicar as listaxes definitivas de admitidos nestes centros, que teñen como obxectivo facilitar a residencia fóra do seu fogar a alumnos de estudos postobrigatorios non universitarios, fundamentalmente Bacharelato e FP. A Xunta inviste máis de 3,6 M€ para cubrir este aloxamento.

En concreto obtiveron praza para este curso 294 persoas na Coruña, 198 en Vigo e 194 en Ourense. Deste xeito, os centros residenciais docentes xestionados polo Goberno galego acadan unha ocupación do 85% no caso de Culleredo e do 100% nos de Ourense e Vigo, en termos moi similares ao curso pasado.

Os centros residenciais docentes acollen preferentemente a estudantes matriculados en ensinanzas que non se imparten en ningún centro da localidade onde reside a súa unidade familiar, nin tampouco noutros concellos próximos que lles permitan desprazarse con facilidade a diario.  Isto contribúe a que o alumnado galego poida cursar calquera tipo de formación, independentemente do lugar no que resida.

Os beneficiarios destas prazas acceden ao servizo de residencia de forma completamente gratuíta ou con condicións bonificadas. Neste último caso, o estudante  aboa unha cota vinculada á porcentaxe na que a renda da unidade familiar supere o limiar establecido con diferentes tramos en función desa porcentaxe. A adxudicación realízase en función de criterios como a renda familiar, a condición de discapacidade ou desemprego e o rendemento académico, entre outros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/09/2026