Belén do Campo participa na Carreira da Muller da Coruña que reúne a miles de participantes promovendo hábitos saudables, a igualdade e a solidariedade

A proba, cun percorrido de 6,3 quilómetros, converteu o Paseo Marítimo nunha gran marea rosa e volveu demostrar a capacidade do deporte para reunir persoas de todas as idades

A Coruña, 27 de setembro de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo,  participou este domingo na Carreira da Muller-Central Leiteira Asturiana, unha das grandes citas deportivas e solidarias do calendario da cidade, que reuniu a miles participantes nas rúas da Coruña.

A proba, cun percorrido de 6,3 quilómetros, converteu o Paseo Marítimo nunha gran marea rosa e volveu demostrar a capacidade do deporte para reunir persoas de todas as idades arredor de obxectivos compartidos, como a promoción dos hábitos de vida saudables, a igualdade e a solidariedade.

Durante a súa participación, Belén do Campo destacou a forza, ilusión e espírito de superación das miles de mulleres que tomaron parte nesta edición e puxo en valor o carácter aberto e participativo dunha proba na que moitas mulleres se achegan por primeira vez ao running, mentres outras aproveitan a xornada para compartir actividade física con familiares, amigas, compañeiras, asociacións e colectivos sociais.

Máis de dúas décadas de compromiso social

A Carreira da Muller conta con máis de dúas décadas de traxectoria e desenvolve un compromiso solidario que se materializa en achegas económicas, colaboracións con entidades, dorsais solidarios e campañas de sensibilización vinculadas a diferentes causas sociais.

As colaboracións abranguen diferentes ámbitos, entre eles a saúde, a prevención e a investigación, a igualdade e os dereitos das mulleres, a loita contra a violencia machista, a inclusión e o apoio a mulleres en situación de vulnerabilidade, a cooperación e a resposta ante emerxencias.

Neste sentido, a Carreira da Muller mantén tamén desde hai máis dunha década unha acción específica de sensibilización contra a violencia de xénero: todas as participantes levan no seu dorsal o 016, teléfono de atención ás vítimas de violencia de xénero, convertendo esta mensaxe nun dos elementos máis visibles da proba.

Belén do Campo puxo en valor a importancia de iniciativas que conseguen combinar actividade física, participación cidadá e compromiso social, e agradeceu o traballo de todas as entidades, asociacións, colectivos e profesionais que fan posible esta cita deportiva, así como o das miles de participantes que, ano tras ano, contribúen a converter a Carreira da Muller nunha gran xornada de deporte e solidariedade na cidade da Coruña.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/09/2026