O conselleiro de Sanidade, xunto co xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, interveu na inauguración da 'XIII Reunión: Estado da arte en Insuficiencia Cardíaca. Práctica clínica e modelos organizativos'
Gómez Caamaño destaca que a sanidade pública galega realiza tele-asistencia domiciliaria de 250 pacientes con insuficiencia cardíaca grazas á plataforma Telea
Incide en que Galicia destaca por ser unha das comunidades que máis reduciu a súa mortalidade cardiovascular nos últimos anos, o que reflicte o traballo clínico, a organización asistencial e a cultura de mellora continua
Remarca a importancia da prevención á hora de reducir a insuficiencia cardíaca, que debe incluír hábitos de vida e detección precoz
Refire que, no ámbito da cardioloxía, a sanidade pública galega protagonizou grandes fitos, entre os que sinalou o Programa de atención ao infarto agudo de miocardio, o Código Shock Cardioxénico ou o cribado de cardiopatías conxénitas
Pon en valor a exemplaridade da unidade de insuficiencia cardíaca do hospital universitario coruñés, consolidada como un dos principais centros de España en volume de actividade e excelencia asistencial
A Coruña, 25 de setembro de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe que a sanidade pública galega realiza tele-asistencia domiciliaria de 250 pacientes con insuficiencia cardíaca, grazas á plataforma Telea, que está integrada cos sistemas de información corporativos do Servizo Galego de Saúde.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, acompañado polo xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde, interveu no acto de inauguración da XIII Reunión: Estado da arte en Insuficiencia Cardíaca. Práctica clínica e modelos organizativos, xuntanza que organiza a unidade de insuficiencia cardíaca do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.
A insuficiencia cardíaca non sempre é un episodio puntual, senón unha traxectoria clínica, de aí que, para o conselleiro, resulte tan relevante contar con ferramentas como Telea, que fagan posible a continuidade no seguimento lonxitudinal de pacientes para diferentes patoloxías.
No seu uso da palabra, Gómez Caamaño incidiu en que Galicia destaca por ser unha das comunidades que máis reduciu a súa mortalidade cardiovascular nos últimos anos, o que reflicte o traballo clínico, a organización asistencial e a cultura de mellora continua.
Tamén remarcou o conselleiro que o Goberno galego ten na prevención e na anticipación a súa mellor baza á hora de reducir a insuficiencia cardíaca. Esta prevención debe incluír, entre outros factores, hábitos de vida e detección precoz.
Grandes fitos
O titular da carteira sanitaria da Xunta destacou que, no ámbito da cardioloxía, a sanidade pública galega protagonizou grandes fitos entre os que citou o Programa galego de atención ao infarto agudo de miocardio (Progaliam), iniciativa pioneira ao integrar e mellorar a coordinación entre atención primaria e hospitalaria.
Tamén citou o Código Shock Cardioxénico, organización multidisciplinaria e protocolizada da asistencia sanitaria para ofrecer unha resposta rápida, integral, centralizada e de alta calidade aos pacientes con esta emerxencia médica. Desde a súa posta en marcha a finais do ano 2024, leva máis de 150 rexistros, a súa maior parte na área sanitaria da Coruña, sendo clave na mellora continua do circuíto asistencial.
Outras iniciativas sinaladas polo conselleiro que teñen a súa razón de ser na anticipación e o diagnóstico precoz son o cribado de cardiopatías conxénitas, que acadou unha cobertura do 99,6 % no seu primeiro ano, con preto de 15.000 neonatos cribados.
Xunto ao anterior, Gómez Caamaño puxo en valor a exemplaridade da unidade de insuficiencia cardíaca do hospital universitario coruñés, liderada pola doutora María Crespo. Esta unidade foi acreditada en varias ocasións pola Sociedade Española de Cardioloxía e a nivel clínico consolidouse como un dos principais centros de España en volume de actividade e excelencia asistencial.
Para rematar a súa intervención, o conselleiro insistiu nunha idea que considera irrenunciable: a equidade non é un slogan é unha condición para que o sistema funcione.