O 061 de Galicia asistiu máis de 2.200 persoas por 1.745 accidentes de tráfico durante o verán
Desde as 15,00 horas do venres 26 de xuño ata as 23,59 horas do domingo 6 de setembro, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recibiu 2.237 chamadas por accidentes de tráfico
En 1.865 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes, en 340 ocasións atendeuse no propio lugar do incidente e 28 persoas faleceron no punto
Ante un accidente de tráfico, recoméndase chamar canto antes ao 061, onde os profesionais médicos da Central de Coordinación indicarán que facer e como actuar, mentres os recursos asistenciais se desprazan ata o punto do sinistro
Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2026
Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante o período estival 2.233 persoas debido a 1.745 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15,00 horas do venres 26 de xuño ata as 23,59 horas do domingo 6 de setembro.
A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 2.237 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 1.745 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atendeu un total de 2.233 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 60 % e do 40 %, respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 26 % dos atendidos tiña entre 45 e 59 anos.
Por provincias, A Coruña foi a que máis sinistros rexistrou con 666 accidentes de tráfico durante os desprazamentos destas datas.
|
Provincia |
Accidentes |
|
A Coruña |
666 |
|
Lugo |
204 |
|
Ourense |
215 |
|
Pontevedra |
660 |
|
Galicia |
1.745 |
Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 2.155. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado asistiron en 246 accidentes, o helicóptero medicalizado atendeu en 32 ocasións, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico asistiron en 1.710 sinistros, e os equipos sanitarios de atención primaria que completan a dotación das ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en 167 accidentes.
En 1.865 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes, en 340 ocasións atendeuse no propio lugar do incidente e 28 persoas faleceron no punto.
Como actuar ante un accidente de tráfico
Ante un sinistro na estrada, cómpre aparcar o vehículo nun sitio seguro, afastado do accidente, e prender as luces de emerxencia. Antes de atender aos accidentados, débense adoptar as medidas de seguridade axeitadas, para evitar poñer en perigo a súa vida.
Lémbrase utilizar roupa reflectante de alta visibilidade e sinalizar o lugar do accidente coas luces de emerxencia regulamentarias.
Débese chamar canto antes ao 061, deste xeito, os profesionais médicos da Central de Coordinación indicarán que facer e como actuar ante os posibles feridos, ao tempo que os recursos asistenciais do servizo de urxencias sanitarias se están a desprazar ata o punto do sinistro.
A persoa ou persoas que se atopan no lugar poden ser de grande utilidade porque canto máis datos se faciliten, máis se axudará aos profesionais da Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
Facilitar o emprazamento exacto e correcto do lugar do accidente e precisar o estado dos feridos é fundamental para que se poidan enviar os recursos sanitarios necesarios que dependerán da gravidade do sinistro. Así mesmo, e salvo que haxa perigo de incendio ou novas colisións, non se debe mover a ningún ferido, xa que poderían agravarse as súas lesións.
Cómpre subliñar que o 061 é un servizo que funciona as 24 horas, os 365 días do ano e que moitas lesións poden ser atenuadas e moitas vidas salvadas se reciben a asistencia axeitada.