Gómez Caamaño participa en Santiago na Andaina solidaria en marcha contra o cancro e amósase orgulloso de que Galicia opte a integrar a rede europea de centros de excelencia fronte ao cancro

O conselleiro de Sanidade pon en valor o labor da Asociación Española contra o Cancro tanto no acompañamento aos pacientes e ás familias, como no impulso da prevención e a investigación

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, participou esta mañá, en Santiago de Compostela, na andaina solidaria organizada pola Asociación Española Contra o Cancro e destacou a importancia de que Galicia sexa candidata a formar parte da rede europea de Centros Integrais do Cancro, referencias de excelencia na abordaxe desta doenza.

A candidatura comparte os valores de equidade e tamén de aposta pola investigación que promove a Asociación Española Contra o Cancro. O Centro de Coidado Integral do Cancro de Galicia conectará as sete áreas sanitarias para que a excelencia na abordaxe desta enfermidade non dependa de onde viva cada paciente.

O obxectivo principal deste centro é consolidar a Galicia como un referente de calidade que suporá beneficios tanto para os pacientes como para os profesionais, así como para o prestixio do propio sistema sanitario galego.

O conselleiro puxo tamén en valor o labor da Asociación Española Contra o Cancro, tanto no acompañamento aos pacientes e ás súas familias, como no impulso da prevención e da investigación. Gómez Caamaño destacou especialmente a súa capacidade para mobilizar e concienciar á sociedade e facer visible que a abordaxe do cancro está aberta ao compromiso do conxunto da sociedade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/09/2026